A Xunta aposta en Lalín pola adaptación do comercio galego aos novos retos que presentan a dixitalización e a intelixencia artificial
Lalín (Pontevedra), 22 de outubro de 2026
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, acompañado pola xerente do Instituto Galego do Consumo e da Competencia, Sol Vázquez, participou en Lalín na clausura institucional da xornada Comercio conectado, impulsada pola Asociación de Autónomos e Pequenas Empresas de Galicia (APE Galicia). Alí, destacou a importancia da colaboración cos axentes implicados no sector comercial co gallo de organizar actos como o de hoxe no que, en concreto, se abordaron a dixitalización e a intelixencia artificial aplicadas a este eido económico.
Na xornada na que tamén estiveron o alcalde de Lalín, José Crespo, e o presidente de APE Galicia, José Ramón Caldas, analizáronse cuestións como a venda en liña e os dereitos das persoas consumidoras, así como as vantaxes e riscos que presenta a internet para os negocios. O director xeral defendeu na súa intervención a necesidade da formación para fortalecer o comercio retallista ante a transformación dos hábitos de consumo e os novos desafíos económicos e dixitais, consolidándoo como clave para a xeración de emprego e a dinamización do territorio.