Belén do Campo destaca o compromiso da Xunta co impulso á programación lírica da Coruña incrementando o seu apoio económico o próximo ano durante a súa asistencia á representación de Tosca de Puccini
A delegada da Xunta informou que os orzamentos do 2027 contemplan un aumento de 100.000 euros no apoio á Asociación de Amigos da Ópera ata acadar os 250.000 euros
A Coruña, 22 de outubro de 2026
A delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, asistiu hoxe á representación de Tosca, de Giacomo Puccini, no Palacio da Ópera da Coruña, onde puxo en valor o compromiso do Goberno galego coa promoción da cultura e anunciou que a Xunta incrementará en 100.000 euros a partida destinada a colaborar coa Asociación de Amigos da Ópera da Coruña no próximo ano 2027, ata acadar os 250.000 euros.
Este incremento supón un reforzo do apoio da Administración autonómica a unha entidade de referencia na vida cultural coruñesa, que contribúe á difusión da ópera e ao achegamento deste xénero artístico ao público. A achega permitirá seguir respaldando o desenvolvemento dunha programación lírica de calidade e o traballo que realiza a asociación para manter viva a tradición operística e favorecer o acceso da cidadanía a grandes producións musicais.
Belén do Campo salientou a importancia de apoiar iniciativas que enriquecen a oferta cultural da Coruña e de Galicia, así como o labor das entidades que traballan para achegar as artes escénicas a novos públicos e consolidar a comunidade galega como un territorio con actividade cultural diversa e de calidade.
A representación de Tosca, que terá lugar tamén o vindeiro sábado 24 de outubro, constitúe a segunda cita da temporada lírica de Amigos da Ópera da Coruña e reúne no Palacio da Ópera un destacado elenco artístico, coa soprano Miren Urbieta-Vega no papel protagonista, no seu debut neste rol, e o barítono Carlos Álvarez como Scarpia. O papel de Cavaradossi está interpretado por Raaga Eldin.
A produción conta coa dirección musical de Oliver Díaz, á fronte da Orquestra Sinfónica de Galicia, e coa dirección escénica de Paul-Émile Fourny. Participan tamén o Coro Gaos, dirixido por Fernando Briones, e o coro infantil Cantabile, baixo a dirección de Pablo Carballido. O elenco complétase con Valeriano Lanchas como o Sacristán e cos intérpretes Javier Agudo, Enrique Martínez, Pedro Martínez Tapia, Daniela Quiza e Antonio Facal.
Composta por Giacomo Puccini sobre un libreto de Luigi Illica e Giuseppe Giacosa, baseado no drama La Tosca, de Victorien Sardou, esta obra é unha das creacións máis recoñecidas do repertorio operístico italiano. A súa intensidade dramática, a forza musical e a continuidade da acción converten a historia de Tosca nunha das grandes referencias da ópera, cun relato no que o poder, a vulnerabilidade e o abuso de autoridade condicionan o destino dos protagonistas.
Co reforzo do apoio previsto para 2027, a Xunta reafirma a súa aposta pola colaboración co tecido cultural galego e polo mantemento dunha oferta artística que contribúa á dinamización cultural e á proxección da Coruña como referente musical.