Belén do Campo destaca o avance na tramitación coa súa exposición pública da senda peonil e ciclista da AC-211 entre Oleiros e Cambre que conta cun investimento de máis de 1,6 M€
A delegada da Xunta na Coruña visitou a zona na que se executará este itinerario que conectará Vilanova e A Seara, na parroquia de San Pedro de Nós, en Oleiros, e o núcleo rural do Pastel, na parroquia de San Xoán de Pravio, en Cambre
Oleiros (A Coruña), 27 de outubro de 2026
A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, xunto á alcaldesa de Cambre, Diana Piñeiro e o alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, e a á directora territorial da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, Begoña Freire, visitaron a zona pola que discorrerá a futura senda peonil e ciclista da estrada AC-221, nos concellos de Oleiros e Cambre, para informar do avance da tramitación deste proxecto de fomento da mobilidade sostible coa publicación no DOG da súa información pública hoxe, que conta cun investimento previsto de máis de 1,6 millóns de euros, entre a base de licitación e as expropiacións. O orzamento previsto para o tramo de Oleiros e de preto de 1,3 millóns de euros e para o tramo de Cambre de máis de 319.000 euros. A información pública prolongarase durante os próximos 30 días hábiles a partir do día seguinte da súa publicación do DOG, a partir de mañá, afectando a 10 parcelas, 6 no concello de Oleiros e 4 en Cambre, o prazo de execución das obras é de 12 meses. A delegada destacou que a previsión é adxudicar a actuación no segundo trimestre do próximo ano e iniciar as obras ao longo do derradeiro semestre do 2027.
A actuación ten como obxectivo mellorar a seguridade dos desprazamentos a pé e en bicicleta entre a contorna de Vilanova e A Seara, na parroquia de San Pedro de Nós, en Oleiros, e o núcleo rural do Pastel, na parroquia de San Xoán de Pravio, en Cambre. Con esta actuación, a Xunta busca mellorar a conexión peonil e ciclista entre Oleiros e Cambre, reforzar a seguridade viaria e avanzar na creación de itinerarios que faciliten os desprazamentos cotiáns a pé e en bicicleta.
O proxecto de construción foi aprobado provisionalmente o pasado 5 de outubro, unha vez realizada a correspondente supervisión técnica, hoxe mesmo someterse o expediente ao trámite de información pública. Este procedemento permitirá dar a coñecer a actuación e continuar avanzando na súa tramitación administrativa.
Belén do Campo destacou a importancia de impulsar infraestruturas que favorezan unha mobilidade máis segura e sostible, especialmente en vías nas que os peóns e ciclistas comparten actualmente espazo co tráfico rodado. Neste tramo da AC-221 existe unha importante presenza de ciclistas, pero as beiravías teñen unha anchura media de apenas medio metro, o que dificulta os desprazamentos en condicións adecuadas de seguridade.
Por este motivo, a Xunta considera necesario habilitar un itinerario específico e continuo que permita separar os desprazamentos peonís e ciclistas da circulación dos vehículos, mellorando as condicións de seguridade viaria e favorecendo alternativas de mobilidade máis sostibles.
Un itinerario de máis de dous quilómetros
A actuación prevé a construción dunha senda de uso compartido para peóns e ciclistas en paralelo á estrada AC-221, ao longo dun treito de 2 quilómetros comprendido entre os puntos quilométricos 2+180 e 4+200, nos municipios de Oleiros e Cambre.
O itinerario discorrerá pola marxe esquerda da estrada ata o punto quilométrico 3+130 e continuará pola marxe dereita a partir do punto 3+320, mantendo o trazado da vía. A senda terá unha anchura xeral de 2,5 metros, incluíndo o bordo, e contará cunha beiravía dun metro.
Nos puntos nos que exista espazo suficiente, o proxecto contempla a creación de franxas verdes de anchura variable, de entre 0,8 e 2,1 metros, así como a habilitación de zonas de estacionamento en liña nun tramo da actuación.
O pavimento será de formigón bicapa, cunha capa superior coloreada en ton terroso para diferenciar visualmente o itinerario. Nos accesos ás parcelas particulares empregarase un pavimento reforzado, mentres que nos cruzamentos coas estradas municipais se instalará pavimento podotáctil para mellorar a accesibilidade.
Melloras na drenaxe e integración na contorna
O proxecto inclúe tamén actuacións para mellorar a evacuación das augas pluviais e evitar que a construción da senda altere o funcionamento da drenaxe actual. Para iso, instalaranse sumidoiros ao longo do percorrido e colectores soterrados, ademais de substituír varias obras de drenaxe transversal por outras de maior capacidade.
Así mesmo, prevese a execución de doce muros de pedra para reducir as afeccións ás parcelas lindeiras: seis deles destinados á contención dos noiros de desmonte e os outros seis ao sostemento dos terrapléns.
A intervención completarase coa instalación dunha canalización soterrada para telecomunicacións, co obxectivo de minimizar futuras afeccións ao itinerario por traballos nas redes de servizos. Tamén será necesario realizar actuacións puntuais para adaptar e repoñer distintas instalacións existentes.