A Xunta inicia en Salvaterra o reforzo de firme en sete estradas da área de vigo cun investimento de 3M€
A delegada territorial, Ana Ortiz, visitou este martes os traballos que comezaron xa na PO-403 para a renovación do asfaltado
Salvaterra de Miño (Pontevedra), 27 de outubro de 2026
A delegada da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, visitou este martes os traballos iniciados na estrada PO-403, en Salvaterra de Miño, dentro do plan da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, cun investimento de 2.926.775,38€ para a renovación do firme en sete estradas autonómicas ao seu paso por Vigo e tres municipios da comarca.
Segundo explicou a representante territorial, o obxectivo é mellorar as características funcionais destas estradas da titularidade da Xunta e reforzar a seguridade viaria en distintos treitos nas estradas da Xunta: PO-010, PO-330, PO-323, PO-324, PO-325, PO-371 e PO-403, ao seu paso polos concellos de Vigo, Redondela, Nigrán e Salvaterra do Miño.
Os traballos, adxudicados á empresa Marconsa, Movimiento de Aridos y Construcciones de Arosa, S.L, consistirán na rehabilitación superficial do firme destas estradas, con distintas actuacións, restaurando as características do pavimento, adecuando as súas necesidades funcionais e de durabilidade.
Os traballos previstos nestas estradas da área territorial de Vigo incluirán obras en preto de 14,7 quilómetros de lonxitude, e o prazo previsto de execución destas obras é de oito meses. En todas as actuacións contempladas nestes proxectos non son necesarias as expropiacións de terreos, xa que están incluídas dentro da franxa de dominio público de titularidade da Xunta.
A Xunta segue a traballar e a apostar tamén pola mellora das características da rede actual de estradas de titularidade autonómica, supoñendo un menor custo de mantemento a longo prazo e unha mellora da seguridade viaria.