A directora xeral de FP sinala as aulas nómada como unha oportunidade para ofrecer novas opcións formativas e evitar o abandono educativo temperán

Eugenia Pérez visita a instalación do Instituto Pazo da Mercé, na que dez alumnos cursan o ciclo básico en Mantemento de vehículos

A aula está dotada con elevador, desmontadora e equilibradora de neumáticos, pistola de pintar e ferramentas de chapista, entre outras ferramentas

O sistema educativo galego conta con catro espazos destas características, totalmente pioneiros, con 81 alumnos matriculados, que permiten dar máis oportunidades por todo o territorio

As Neves (Pontevedra), 27 de outubro de 2026

A directora xeral de FP, Eugenia Pérez, visitou hoxe a aula nómada do Instituto Pazo da Mercé, na localidade pontevedresa das Neves, un espazo que sinalou como “unha ferramenta idónea para traer ao rural novas opcións formativas que permitan ofrecer máis oportunidades á mocidade da zona”. Neste sentido, explicou que a aula está destinada ao ciclo de FP Básica de Mantemento de vehículos, “unha modalidade formativa que xoga un papel importantísimo á hora de enganchar ao alumando en risco de abandono educativo temperán ao sistema, favorecendo non só que acaden unha titulación, senón incluso que continúen os seus estudos”, dixo.

A aula nómade do Instituto Pazo da Mercé conta con dez alumnos matriculados, que contan con todo o equipamento dispoñible para desenvolver a parte máis práctica da formación do ciclo. En concreto, o espazo está dotado con instrumentos como un elevador de dúas columnas, unha desmontadora e equilibradora de neumáticos, un taladro de columna, un centrafaros láser, un arrancador booster de batería dixital, unha pistola de pintar, estuches de aparellos para montar lunas e parabrisas, ferramentas de chapista, amoladora e lixadroa roto-orbital, entre utensilios.

O sistema educativo galego conta este curso con catro aulas nómada, unha iniciativa pioneira de Galicia, nas que están matriculados un total de 81 alumnos. Están situadas nos institutos Plurilingüe de Ames, Agra de Leborís (A Laracha), República Oriental do Uruguai (Vigo) e neste centro das Neves. Estes espazos, deseñados por profesorado e alumnado de Formación Profesional do Centro Integrado de FP As Mercedes de Lugo,  contan con todo o equipamento necesario para ofrecer unha formación da máxima calidade e están configuradas para permanecer nun centro durante unha ou dúas promocións ou ben cubrir necesidades puntuais dos centros.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/10/2026