A Xunta felicita aos científicos galegos galardoados cos Premios Nacionais de Investigación

Vitoria-Gasteiz, 27 de outubro de 2026

Galicia ocupa un lugar destacado nos Premios Nacionais de Investigación 2026, con cinco científicos galegos galardoados pola súa traxectoria excelente. A Xunta estivo presente hoxe no acto de entrega destes premios, celebrado no Palacio de Congresos de Europa, en Vitoria-Gasteiz. A directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, felicitou aos investigadores e expresou o orgullo que supón para a nosa Comunidade o éxito do seu traballo, tanto no ámbito nacional como internacional, que contribúe a potenciar a I+G+i.

Os investigadores galegos que recibiron esta distinción nas distintas categorías e que traballan na actualidade en Galicia son Ángel Carracedo, natural de Santa Comba, catedrático de Medicina na USC e director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica; a compostelana Carmen Álvarez Lorenzo, catedrática da USC e directora do Instituto de Materiais da USC (iMATUS); e Laura Castro Santos, de Betanzos, catedrática da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol, pertencente á Universidade da Coruña.

Tamén de orixe galega son José Antonio Sobrino, natural de Ourense, que dirixe a Unidade de Cambio Global da Universidade de Valencia, e é membro de comités da Axencia Espacial Europea; e Ana Novoa Pérez, de Pontevedra, na actualidade na Estación Experimental de Zonas Áridas de Almería.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/10/2026