Portos de Galicia recupera o sistema de apertura automática da comporta de Malpica que garante o abrigo da frota
O traballo dun equipo de buzos permitiu liberar os obstáculos que atrancaban a estrutura no fondo mariño e devolverlle plena operatividade
Santiago de Compostela, 27 de outubro de 2026
A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, concluíu esta mañá a reparación do sistema de apertura automática da comporta que pecha a dársena de Malpica para garantir o abrigo da frota. Con esta actuación de urxencia, executada a través dun equipo de buzos, recupérase a plena operatividade do sistema que desde o pasado mércores precisaba apertura manual a través dun operario designado polo ente público para prestar o servizo.
O traballo dos buzos permitiu liberar os obstáculos que atrancaban a comporta no fondo mariño, de onde se extraeu diverso material de refugallo –incluíndo ata unha cadea-, que impedía o normal viraxe da estrutura. Unha vez detectado o problema e retirados os obstáculos, a comporta funciona xa desde esta mañá co mesmo sistema automático que o facía ata o momento.
Os técnicos de Portos de Galicia, que estiveron presentes na zona da avaría desde o pasado mércores, supervisaron o traballo submarino realizado desde primeira hora desta mañá. Así mesmo, comunicaron a resolución da avaría ao patrón maior da confraría de Malpica, con quen Portos de Galicia mantivo contacto directo permanente desde que se detectou a incidencia.