A Xunta e a Garda Civil de Lugo colaboran nunha xornada para afondar na protección do patrimonio cultural
Técnicos da Administración autonómica guiaron unha sesión formativa sobre o terreo con axentes do Seprona e da Policía Xudicial, visitando varios xacementos do municipio
Lugo, 27 de outubro de 2026
A Delegación Territorial da Xunta e a Garda Civil de Lugo levaron a cabo hoxe unha xornada de coordinación para afondar na protección do patrimonio cultural da provincia, co obxectivo de facilitar aos axentes ferramentas para detectar e xestionar as infraccións nesta materia.
Técnicos da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude guiaron a sesión formativa, dirixida a unha trintena de axentes do Seprona e a Policía Xudicial. Constou dunha primeira parte teórica na Comandancia e a posterior exploración sobre o terreo de distintos xacementos situados no municipio de Lugo.
Así, os arqueólogos da Xunta explicaron as características do Corro dos Mouros, o castro de Valente en Coeses, o campo de mámoas de Lamaboa e o altar e os petróglifos de Adai, ofrecendo pautas que faciliten a identificación deste tipo de elementos nos casos en que resulte complexa pola vexetación ou por diferentes circunstancias.
A explicación teórica incluíu detalles da Lei do Patrimonio Cultural de Galicia en relación á clasificación dos bens culturais ou das infraccións, e sobre as ferramentas informáticas que permiten coñecer o nivel e o contorno de protección dun elemento concreto, entre outros aspectos.
O Servizo de Patrimonio Cultural de Lugo ten previsto realizar unha xornada similar destinada aos membros da Policía Autonómica, que tamén teñen competencias neste ámbito.