Villaverde defende o mar como unha boa opción de futuro para as novas xeracións para garantir o futuro da pesca galega

A conselleira do Mar inaugurou na Cidade da Cultura o acto de clausura do proxecto Relevo Xeracional: O Futuro do Mar, impulsado polos oito GALP galegos coa colaboración do homólogo do País Vasco

A titular de Mar incidiu na necesidade de que as novas xeracións atopen no sector marítimo-pesqueiro un proxecto de vida digno, seguro e estable, ligado á formación e ás oportunidades profesionais

Santiago de Compostela, 27 de outubro de 2026

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, defendeu hoxe a importancia de crear as condicións necesarias para que as novas xeracións vexan no sector marítimo-pesqueiro unha oportunidade de futuro e poidan desenvolver nel un proxecto de vida digno, seguro e estable. Así o manifestou durante a inauguración do acto de clausura do proxecto Relevo Xeracional: O Futuro do Mar, celebrado na Cidade da Cultura de Galicia, onde incidiu na necesidade de que a mocidade escolla as profesións marítimas “por orgullo e por vocación e non por descarte”.

Durante a súa intervención, Villaverde sinalou que a remuda xeracional constitúe un desafío demográfico, económico e cultural directamente relacionado coa sustentabilidade da pesca e das comunidades costeiras. Neste sentido, explicou que afrontar este reto require unha estratexia integral na que participen as administracións públicas, as entidades do sector e os centros educativos, co obxectivo de facilitar a incorporación de novos profesionais e dar resposta ás necesidades presentes e futuras da actividade pesqueira.

A conselleira referiuse tamén á importancia de trasladar á mocidade a realidade dun sector que incorpora novas tecnoloxías, innovación e oportunidades de emprendemento. Nesta liña, destacou o papel da formación e do contacto directo coa actividade profesional para achegar as novas xeracións ao mar, a través de iniciativas como as desenvolvidas neste proxecto, que incluíron visitas a instalacións pesqueiras, experiencias de embarque e encontros en centros formativos.

Villaverde agradeceu a implicación dos oito Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) de Galicia, especialmente o labor de coordinación do GALP Ría de Arousa, así como a colaboración do GAL do País Vasco. A titular de Mar referiuse á importancia da cooperación entre territorios que comparten desafíos semellantes e do intercambio de experiencias e boas prácticas para abordar a remuda xeracional. Tamén recoñeceu a participación das confrarías, organizacións profesionais, empresas e centros educativos nas actividades desenvolvidas.

Así mesmo, a conselleira sinalou que as conclusións desta iniciativa permitirán coñecer, de primeira man, as experiencias e necesidades trasladadas polos participantes, información que a Consellería do Mar terá en conta no deseño das súas políticas. Neste contexto, fixo referencia á necesidade de avanzar nun sector atractivo, seguro e competitivo, no que mulleres e homes, mozas e mozos poidan desenvolver a súa traxectoria profesional en igualdade de oportunidades.

A xornada contou tamén coa participación da directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles Vázquez Suárez na mesa de benvida. Pola súa banda, o director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Isaac Rosón, interveu na mesa redonda dedicada á modernización, á innovación e ás novas tecnoloxías na pesca e na acuicultura.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 27/10/2026