A Xunta destaca en Vigo o valor dos bonos Activa Comercio no pulo das vendas do comercio de proximidade
O director xeral de Comercio e Consumo, xunto coa delegada da Xunta en Vigo, visitou na cidade olívica dous establecementos adheridos aos bonos Activa Comercio
Gabriel Alén sinala que na provincia de Pontevedra hai máis de 2.500 establecementos adheridos a esta iniciativa e deles máis de 575 son da cidade olívica
Lembra que a adhesión dos comercios realízase unha única vez para todas as edicións do ano, co fin de reducir trámites e gañar en axilidade
Os bonos abarcan descontos de ata 30 € e poden empregarse para mercar produtos ou servizos nos establecementos sumados á campaña
Antes destas visitas aos comercios, Ana Ortiz, e Gabriel Alén mantiveron unha xuntanza con comerciantes de Vigo e a súa área para informalos dos apoios autonómicos que teñen á súa disposición
Vigo, 2 de novembro de 2026
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, acompañado pola delegada da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, visitou a zapatería Dadá e a libraría Librouro, dous establecementos adheridos á segunda edición de 2026 dos bonos Activa Comercio. Neste contexto, salientou o valor desta iniciativa consolidada no pulo ás vendas dos negocios de proximidade como os visitados hoxe.
Ademais, sinalou que, desde a súa posta en marcha desde as 9,00 horas do pasado 28 de outubro, xa hai máis de 2.500 establecementos adheridos en toda a provincia de Pontevedra nos que se levan trocado máis de 882.000 euros en descontos, cunha mobilización total de vendas de arredor de 4 millón de euros en toda a provincia. No caso da cidade de Vigo, son máis de 575 os negocios adheridos nos que se levan trocado arredor de 250.000 euros en descontos cunha mobilización de máis dun millón de euros.
Lembrou que —ao igual que en 2025— a adhesión dos comercios realízase unha única vez para todas as edicións do ano, co fin de reducir trámites e gañar en axilidade. Os que aínda non se adherisen poden facelo ata o 15 de decembro ou ata que se esgote o orzamento de 2,5 M€ habilitado nesta nova acción.
A isto Gabriel Alén engadiu que cos 2,5 M€ habilitados se prevé mobilizar o triplo en vendas, na liña do que xa aconteceu cos outros 2,5 millóns convocados en maio. De cara ao ano que vén, a idea é reeditar os bonos Activa Comercio nas mesmas condicións.
Funcionamento da campaña
Os bonos Activa Comercio están dispoñibles na web www.bonosactivacomercio.gal. O importe do bono vaise reducindo en función do valor da compra. Así, nas compras iguais ou superiores a 20 euros e inferiores a 30 euros aplicarase un desconto de 5 euros, mentres que nas compras iguais ou superiores a 30 euros e inferiores a 50 euros o desconto será de 10 euros. A partir desta contía, o desconto alcanzará os 15 euros.
Como en anteriores ocasións, cada persoa pode descargar un único bono. Non existe límite de usuarios, pero unha vez esgotado o crédito total de 2,5 M€, os bonos descargados xa non se poderán utilizar, mesmo no caso de non teren sido consumidos na súa totalidade. Ademais, co fin de incrementar as vendas, establécese a incompatibilidade dos bonos Activa Comercio con calquera outra axuda destinada á mesma actuación subvencionable dentro dunha mesma compra.
Reunión cos comerciantes de Vigo e a súa área
Previamente ás visitas aos comercios, Ana Ortiz, e Gabriel Alén mantiveron unha xuntanza con comerciantes de Vigo e a súa área para informalos dos apoios autonómicos que teñen á súa disposición. A reunión, celebrada no edificio administrativo da Delegación Territorial, contou coa presenza de representantes da Federación de Comerciantes de Pontevedra, así como colectivos e asociacións dos barrios vigueses de As Travesas, Navia, Zona Xeral, Torrecedeira. Zona Náutico, Teis, Vigo Centro, O Calvario, Zona Príncipe, Casco Vello e Bouzas. Tamén estaban convocados comerciantes de Salceda de Caselas, Baiona, O Porriño e da Asociación de Empresarios de Pontevedra.