O conselleiro de Medio Ambiente e Cambio Climático visitou este exemplar histórico localizado en Santiago de Compostela
A Xunta incorpora o Carballo do Banquete de Conxo ao Catálogo de árbores senlleiras de Galicia
Nicolás Vázquez Iglesias sinala que protexer este exemplar, que destaca polo seu valor histórico e cultural, é tamén conservar unha parte da memoria colectiva de Galicia e transmitir o noso legado ás vindeiras xeracións
Salienta que con esta incorporación, o catálogo suma xa no conxunto da Comunidade 207 elementos, entre árbores e formacións, pertencentes a 85 especies diferentes
Santiago de Compostela, 2 de novembro de 2026
O conselleiro de Medio Ambiente e Cambio Climático, Nicolás Vázquez Iglesias, visitou hoxe o Carballo do Bosque do Banquete de Conxo, con motivo da súa inclusión no Catálogo de árbores senlleiras, tal e como publica hoxe o Diario Oficial de Galicia.
Segundo explicou o conselleiro, que estivo acompañado da delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, a incorporación deste exemplar ao Catálogo responde aos seus valores históricos e culturais, xa que se localiza na carballeira na que se celebrou o célebre Banquete de Conxo o 2 de marzo de 1856. Nesa xornada os estudantes da Universidade de Santiago de Compostela serviron aos artesáns, nun acto simbólico de igualdade, fraternidade e esixencia de reformas democráticas.
Nese senso, Vázquez Iglesias fixo fincapé en que “protexer esta árbore é tamén conservar unha parte da memoria colectiva de Galicia e transmitir o noso legado ás vindeiras xeracións”.
Así mesmo, o conselleiro lembrou que o Catálogo galego de árbores senlleiras é unha ferramenta pública e en constante actualización, xa que poden propoñer a inclusión de elementos novos os seus propietarios, as administracións, os centros de investigación ou as asociacións e entidades públicas ou privadas que teñan entre os seus fins a protección da natureza.
De feito, desde a aprobación do seu regulamento no ano 2007, este rexistro de carácter administrativo foi obxecto de diversas revisións e periodicamente sométense a información pública propostas para valorar a incorporación de novos exemplares.
Nesa liña, Nicolás Vázquez puxo en valor o traballo que desenvolve o Comité de árbores senlleiras, que é o órgano colexiado de carácter consultivo que intervén nos procedementos de inclusión e exclusión de exemplares no Catálogo, así como noutras cuestións relacionadas coa súa conservación e xestión. Está integrado por representantes das universidades galegas, das consellerías con competencias en patrimonio natural, cultural e montes, así como por persoas expertas en árbores e formacións senlleiras.
No Catálogo son susceptibles de incluírse todas aquelas árbores e formacións merecentes de protección en atención ás excepcionais características do seu porte, proporcións, idade, rareza, significación histórica ou cultural, interese científico, educativo, estético, paisaxístico ou calquera outra circunstancia que as faga merecedoras dunha especial protección.
Na actualidade, o Catálogo galego de árbores senlleiras suma xa un total de 207 elementos (159 exemplares e 48 formacións arbóreas) pertencentes a 85 especies diferentes e coa seguinte distribución:
|
PROVINCIA |
ÁRBORES |
FORMACIÓNS |
TOTAL |
|
A Coruña |
44 |
14 |
58 |
|
Lugo |
36 |
7 |
43 |
|
Ourense |
23 |
6 |
29 |
|
Pontevedra |
56 |
21 |
77 |
|
Galicia |
159 |
48 |
207 |