Gómez Caamaño destaca que o Plan estratéxico de saúde mental prevé centralizar no edificio anexo ao CIS de Lugo a atención ambulatoria a estes pacientes
A actuación contará cun investimento de 2,25 millóns de euros e incorporará novos dispositivos asistenciais
O conselleiro lembra que o Concello xa ten á súa disposición os terreos do antigo colexio do Sagrado Corazón, que debe ceder ao Servizo Galego de Saúde para avanzar na licitación do proxecto do novo centro de saúde, prevista na primavera
A futura infraestrutura contará cun investimento autonómico próximo aos 5 millóns de euros e unha superficie aproximada de 1.600 m2
A Xunta continúa avanzando na reforma integral do centro de saúde da Milagrosa co obxectivo de que estea finalizada en 2027
Santiago de Compostela, 4 de novembro de 2026
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, destacou hoxe no Parlamento que o Plan estratéxico de saúde mental de Galicia 2026-2030 contempla a adecuación do edificio anexo ao Centro Integral de Saúde (CIS) de Lugo para centralizar a atención ambulatoria ás persoas con problemas de saúde mental.
Esta actuación contará cun investimento de 2,25 millóns de euros e permitirá incorporar novos dispositivos asistenciais, mellorar a coordinación dos equipos e favorecer a continuidade dos tratamentos e o seguimento dos pacientes.
O conselleiro explicou que a intervención está prevista a medio prazo, no horizonte de 2030, e aproveitará o bloque posterior do edificio que forma parte do complexo do CIS, situado no barrio da Residencia.
A iniciativa súmase aos servizos de saúde mental que xa funcionan neste centro, posto en marcha en novembro de 2023, e que reúne atención primaria, urxencias e distintos dispositivos de apoio.
Ademais, o Plan estratéxico de saúde mental 2026-2030 prevé tamén outras actuacións na provincia de Lugo, entre elas, a mellora das instalacións de Calde e a creación dunha nova unidade de hospitalización infanto-xuvenil no Hospital Lucus Augusti (HULA).
A planificación dos novos espazos asistenciais enmárcanse no proceso de transformación das infraestruturas sanitarias de Lugo, no que tamén se inclúe o centro de saúde do Sagrado Corazón, que será construído na parcela do antigo colexio para substituír ao centro actual.
Neste sentido, Gómez Caamaño sinalou que o Concello de Lugo xa ten á súa disposición os terreos e que o seguinte paso é formalizar a súa cesión ao Servizo Galego de Saúde.
Actualmente, a Xunta dispón dunha proposta técnica de implantación para unha infraestrutura que contará cun investimento autonómico próximo aos 5 millóns de euros e unha superficie aproximada de 1.600 metros cadrados. Unha vez cedida a parcela, a previsión é licitar na primavera a redacción do proxecto do novo centro.
A nova infraestrutura permitirá organizar mellor os espazos destinados á atención primaria, mellorar as condicións de traballo dos profesionais e ofrecer unha atención máis axeitada á veciñanza. A súa construción está incluída na primeira fase do plan de infraestruturas de atención primaria da Consellería de Sanidade.
Ademais, a Xunta avanza na reforma do centro de saúde da Milagrosa. Ao respecto, o conselleiro explicou que durante a obra foi necesario reforzar a estrutura, con traballos de saneamento de vigas e pilares, o que ralentizou o comezo dos traballos máis visibles. En todo caso, sinalou que o obxectivo é rematar as obras o vindeiro ano.