A Xunta de Galicia pon en valor a campaña da Asociación de Comerciantes Punto Compostela a prol do consumo local

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, participou hoxe no acto de entrega de premios da campaña ‘Merca e gaña 26’, impulsada pola Asociación de comerciantes Punto Compostela CCA

Santiago de Compostela, 4 de novembro de 2026

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, participou hoxe no acto de entrega de premios da campaña Merca e gaña 26, impulsada pola Asociación de comerciantes Punto Compostela CCA. Alí, puxo en valor a colaboración cos centros comerciais abertos á hora de dinamizar o comercio de proximidade e fidelizar a clientela, neste caso, animándoa a rexistrar as compras feitas do 1 ao 21 de outubro co gallo de participar no sorteo de 5.000 euros en tarxetas prepago para investir de volta nos establecementos asociados a Punto Compostela.

Nesa liña, o director xeral referiuse a iniciativas recentes coas que colaborou a Xunta como Merca no teu comercio que —da man da Federación Galega de Comercio— percorreu ata o pasado mes de outubro localidades galegas sen centros comerciais abertos. Ao igual que na acción de Punto Compostela, tamén se convidaba a rexistrar as compras para participar logo nun sorteo de tarxetas prepago concibidas para volver ao comercio local.

No caso dos centros comerciais abertos como o compostelán de hoxe, Alén comprometeuse a seguir apoiándoos desde o Goberno galego como parte fundamental do tecido comercial. Nesa liña, instounos a seguir apostando por campañas dinamizadoras que incidan no consumo e nas vendas de proximidade.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/11/2026