O conselleiro de Medio Ambiente e Cambio Climático, Nicolás Vázquez, participou hoxe na reunión da Oficina Técnica da Seca
A Xunta estende a alerta por escaseza de auga ás concas de Ferrol, A Coruña, costa de Pontevedra e Vigo ante o descenso sostido dos recursos hídricos
Acórdase manter tamén a situación de seca prolongada en toda a demarcación de Galicia-Costa xa que as precipitacións seguen por debaixo dos niveis habituais, declaración que non implica por si mesma restricións nos usos e consumos de auga
Un total de 59 concellos das provincias da Coruña e Pontevedra están incluídos parcial ou completamente nalgunha das zonas afectadas pola declaración de alerta, o segundo nivel máis elevado e que prevé a adopción de limitacións sobre usos non prioritarios como o baldeo de rúas, o enchido de piscinas ou a rega de xardíns
En canto ás zonas en prelaerta, a situación mantense sen cambios con respecto á reunión anterior e seguirán en vixilancia reforzada outros catro sistemas
Os encoros de abastecemento de Galicia-Costa sitúanse ao 38,04% da súa capacidade, case 27 puntos menos que o ano pasado por estas mesmas datas
Santiago de Compostela, 15 de outubro de 2026
A Xunta decidiu esta mañá estender a declaración de alerta por escaseza de auga a catro novos sistemas de Galicia-Costa, que se corresponden coas zonas de Ferrol, A Coruña, a costa de Pontevedra e Vigo. Estas zonas sumaranse deste xeito ás unidades territoriais do río Lérez e do río Anllóns, que xa estaban en situación de alerta desde o mes de agosto.
A evolución da situación na demarcación hidrográfica de Galicia-Costa nas últimas semanas levou á Oficina da Seca a adoptar esta medida, que na práctica afecta a un total de 59 concellos das provincias de A Coruña e Pontevedra. En concreto, tomáronse en consideración desde un punto de vista técnico diversos factores relativos á situación de cada sistema fluvial, como son os datos e as previsións meteorolóxicas, o caudal medio dos ríos, a ocupación dos encoros e outros indicadores de seca e escaseza.
O conselleiro de Medio Ambiente e Cambio Climático, Nicolás Vázquez Iglesias, xunto co director de Augas de Galicia, Roi Fernández, participou hoxe nesta reunión para coñecer de primeira man o funcionamento da Oficina Técnica da Seca, organismo do que forman parte tamén Protección Civil, MeteoGalicia e as Consellerías de Sanidade e do Medio Rural.
Aínda que se prevén precipitacións para os vindeiros días, o escenario actual segue marcado por unha redución das precipitacións sostida no tempo, polo que toda a Demarcación Galicia-Costa permanecerá en situación de seca prolongada.
Esta declaración, en todo caso, non implica por si mesma restricións nos usos e consumos de auga. De feito, a efectos prácticos as limitacións e posibles medidas de aforro sobre os abastecementos municipais afectados seguirán dependendo da fase de escaseza en que se atope cada sistema (é dicir, prealerta ou alerta).
Un total de 123 concellos están parcial ou completamente incluídos nas unidades afectadas pola escaseza conxuntural de auga: 59 en alerta ou con medidas equivalentes e outros 64 en prealerta.
En relación ao estado de alerta, que é o segundo nivel máis alto dos establecidos no Plan especial da seca, esta fase implica intensificar as medidas para conservar os recursos dispoñibles. Segundo as necesidades de cada sistema, poden adoptarse limitacións sobre usos non prioritarios como o baldeo de rúas, o enchido de piscinas ou a rega de xardíns, entre outras medidas para reducir o consumo.
Os concellos incluídos territorialmente nas unidades en alerta son os 59 que se indican na seguinte táboa.
|
UTE Ferrol (río Mera, ría de Ortigueira e ría de Cedeira) |
Ares, Cabanas, A Capela, As Pontes de García Rodríguez, Cerdido, Fene, Ferrol, Mugardos, Narón, Valdoviño, Moeche, Neda, San Sadurniño e As Somozas |
|
UTE río Verdugo, ría de Vigo e ría de Baiona/ Subsistema de Zamáns e Baiona |
Fornelos de Montes, Gondomar, Mondariz, Nigrán, Oia, Pazos de Borbén, Redondela, Soutomaior, Vigo e Baiona |
|
UTE costa de Pontevedra |
A Guarda e O Rosal |
|
UTE río Mero, Arteixo e ría da Coruña |
A Coruña e Cambre |
|
UTE río Lérez |
Beariz, Barro, Bueu, O Campo Lameiro, Cangas de Morrazo, Cerdedo-Cotobade, A Estrada, Forcarei, A Lama, Marín, Meaño, Meis, Moaña, Moraña, Poio, Ponte Caldelas, Pontevedra, Sanxenxo, Silleda, Vilaboa |
|
UTE río Anllóns |
Arteixo, Cabana de Bergantiños, Carballo, Cerceda, Coristanco, Culleredo, A Laracha, Malpica de Bergantiños, Ponteceso, Tordoia, Zas |
Por unha parte, o estado de prealerta é fundamentalmente unha fase de vixilancia reforzada. Implica intensificar o seguimento da situación meteorolóxica, dos niveis dos ríos e encoros e das posibles incidencias, ademais de promover un uso responsable da auga e minimizar gastos públicos non esenciais. Neste escenario tamén se solicita aos municipios a comunicación diaria dos seus caudais de consumo.
Os 64 concellos afectados pola situación de prealerta son os seguintes: A Illa de Arousa, Caldas de Reis, Cambados, Cuntis, O Grove, Portas, Ribadumia, Vilagarcía de Arousa, Vilanova de Arousa, pertencentes ás zonas dos ríos Umia e ría de Arousa. Na área do río Tambre e da ría de Muros, están nesta situación os municipios de Abegondo, Ames, Arzúa, A Baña, Boimorto, Boiro, Boqueixón, Brión, Carnota, Carral, Curtis, Frades, Lousame, Mazaricos, Melide, Mesía, Muros, Negreira, Noia, Ordes, Oroso, Outes, Oza-Cesuras, O Pino, A Pobra do Caramiñal, O Porto do Son, Rianxo, Ribeira, Rois, Santa Comba, Santiago de Compostela, Sobrado, Toques, Trazo, Val do Dubra e Vilasantar.
Na zona do río Mandeo e da ría de Betanzos, atópanse neste estado os concellos de Aranga, Bergondo, Betanzos, Coirós, Irixoa, Miño, Monfero, Oleiros, Paderne, Sada, Vilarmaior, Friol, Guitiriz. Na área dos ríos Landro e Ouro, están nesta situación Alfoz de Castrodouro, Foz, Muras, Ourol, O Valadouro e Viveiro.
No resto de Galicia-Costa mantense a normalidade desde o punto de vista da escaseza de auga e segundo os últimos datos dispoñibles, os encoros de abastecemento sitúanse ao 38,04% da súa capacidade, case 27 puntos por debaixo do nivel rexistrado nas mesmas datas do ano 2025.