A Xunta pon en valor a cooperación entre adminstracións para mellorar a resposta ante as emerxencias ambientais

O director xeral de Defensa do Monte participou hoxe nunha mesa redonda no 7º Congreso Nacional de Axentes Forestais e Medioambientais, na que destacou a colaboración de Galicia fóra das súas fronteiras

Cerdanyola del Vallès (Barcelona), 5 de novembro de 2026

O director xeral de Defensa do Monte, Manuel Francisco, participou hoxe nunha mesa redonda con representes da Deputación de Barcelona, da Genaralitat de Cataluña e do ámbito estatal, para abordar a coordinación institucional entre Administracións fronte ao cambio climático, as emerxencias e a protección do patrimonio natural. Alí, puxo en valor a importancia da colaboración e para facer fronte a continxencias que superan os límites territoriais e requiren unha resposta conxunta, coordinada e baseada no intercambio de recursos, información e coñecementos.

Neste sentido, salientou que Galicia mantén unha política activa de colaboración con outras comunidades autónomas e administracións, tanto para prestar apoio en situacións de emerxencia como para reforzar os mecanismos de coordinación e prevención. Como exemplo, sinalou o desprazamento de arredor de 80 profesionais galegos que, no mes de xullo, participaron na extinción dos incendios de León e Ávila, con apoio de diferentes medios, para cooperar nas diferentes emerxencias que rexistraron.

Así mesmo, destacou a posta en funcionamento, o pasado 1 de agosto, do avión propio de coordinación e vixilancia da Xunta, Xunta 23 ACO, na base aérea transfronteiriza de Verín-Oímbra. Esta base permite reforzar a coordinación e a capacidade de resposta na fronteira entre Galicia e Portugal, sobre todo no ámbito da prevención e loita contra os incendios forestais.

Ademais, o director incidiu  en que a colaboración institucional debe ir máis alá da actuación unha vez declarada a emerxencia. Neste sentido, considerou esencial avanzar no intercambio de información, na planificación conxunta e na posta en común de experiencias entre os profesionais das distintas administracións.

Así, puxo de exemplo a cooperación coa Deputación de Ourense que permitiu renovar este 2026 o protocolo de traballo conxunto, reforzando a prevención e a capacidade de resposta a través da incorporación de profesionais e medios materiais. Tamén destacou o reforzo da Unidade de Directores de Extinción (UDEX), especializada no novo tipo de lumes rexistrados nos últimos anos, que pasa de 6 a 15 compoñentes.

Para rematar, reiterou o compromiso da Xunta con seguir fortalecendo as canles de colaboración coas administracións autonómicas, locais e estatais, así como cos territorios veciños para avanzar nunha resposta compartida ante os retos ambientais.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/11/2026