Belén do Campo asiste ao concerto-conferencia sobre os valores do exército a través da música e a pintura do Museo do Prado no Palacio de Capitanía

A delegada da Xunta na Coruña destacou que esta proposta cultural combinou a divulgación histórica e artística coa interpretación musical

A Coruña, 5 de novembro de 2026

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, asistiu hoxe no Palacio de Capitanía ao concerto-conferencia Os valores do Exército a través da interpretación musical e as pinturas do Museo Nacional do Prado, unha proposta cultural que combinou a divulgación histórica e artística coa interpretación musical.

A conferencia correu a cargo do profesor Juan de Dios Ruano Gómez, embaixador de Marca Exército, quen abordou os principios éticos e morais das Forzas Armadas a través dunha aproximación conxunta á música e ás grandes obras pictóricas do Museo do Prado.

No acto vinculáronse as grandes obras da pinacoteca cos principios éticos e morais das Forzas Armadas, acompañando cada relato pictórico cunha peza musical acorde. Os principais valores militares e as súas obras asociadas ao Museo do Prado foron: Amor á Patria, representado a miúdo a través da obra “Dous de Maio” de Joaquín Sorolla; a Disciplina, vinculada á obra “Alocución do marqués do Vasto aos seus soldados” do pintor Tiziano; o Espírito de Sacrificio, asociado á obra “A Batalla de Wad-Rass” de Mariano Fortuny; o Compañeirismo, representado a través de pintores como José Benlliure e a súa obra “Descanso na marcha” e o Valor, ilustrado na icónica obra “O 2 de maio de 1808 en Madrid” ou “A loita cos mamelucos” de Francisco de Goya

O apartado musical estivo protagonizado pola Unidade de Música do Cuartel Xeral do Mando de Apoio á Manobra, baixo a dirección do comandante músico Iván Rodríguez Armán, que acompañou esta iniciativa cun repertorio seleccionado para establecer un diálogo entre as composicións musicais e os valores representados nas obras pictóricas.

Con esta asistencia, Belén do Campo quixo acompañar esta iniciativa cultural celebrada nun espazo emblemático da cidade, que achega á cidadanía o patrimonio artístico e musical e permite coñecer, desde unha perspectiva divulgativa e cultural, os valores vinculados ao Exército.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/11/2026