Ángeles Vázquez pon en valor o labor da rede de Centros Quérote+ no acompañamento e asesoramento da mocidade galega
A conselleira de Política Social e Igualdade visitou o centro de Santiago de Compostela para coñecer de preto o traballo que realizan os técnicos deste servizo
Santiago de Compostela, 6 de novembro de 2026
A conselleira de Política Social e Igualdade, Ángeles Vázquez, destacou esta mañá o labor que realiza a rede de Centros Quérote+ da Xunta, un servizo de información público, gratuíto, seguro e confidencial dirixido á mocidade, ás súas familias e aos profesionais que traballan no ámbito xuvenil. Así o puxo en valor durante a visita ao centro de Santiago de Compostela, na que puido coñecer de preto o traballo que realizan os seus técnicos, que atenden tanto de xeito presencial como online.
Ángeles Vázquez explicou que esta rede, posta en marcha hai dúas décadas, conta con cinco centros repartidos por Galicia, situados nas cidades de A Coruña, Lugo, Vigo, Ourense e Santiago de Compostela. Na súa visita, na que estivo acompañada pola directora xeral de Promoción da Igualdade, Paula Uría, a conselleira destacou o traballo realizado polo equipo técnico, que atendeu 23.000 persoas no 2025 e impulsou preto de 500 accións formativas e de asesoramento.
A rede de centros Quérote+ está integrada por un equipo multidisciplinar de profesionais da psicoloxía, da educación social e do traballo social que desenvolven o seu labor nos ámbitos da educación afectivo-sexual, a atención específica ás persoas LGTBI, o benestar emocional, a promoción da igualdade e a prevención e loita contra a violencia de xénero, ofrecendo información, asesoramento e acompañamento á mocidade, ás súas familias e aos profesionais.