Galicia acolle unha formación especializada sobre a vixilancia e o control das enfermidades nos matadoiros

O curso Vixilancia e control de enfermidades de categoría A en matadoiros tivo lugar este venres e sábado nas instalacións da Escola Galega de Administración Pública (EGAP)

A iniciativa desenvólvese no marco do Plan de Formación Continua Interadministrativo 2026, en colaboración coa Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade

A formación céntrase na detección temperá das enfermidades de declaración obrigatoria (EDO) de categoría A e doutras enfermidades emerxentes

Santiago de Compostela, 7 de novembro de 2026

Galicia acolleu entre onte e hoxe, sábado, nas instalacións da Escola Galega de Administración Pública (EGAP), o curso Vixilancia e control de enfermidades de categoría A en matadoiros, organizado pola Axencia Española de Seguridade Alimentaria e Nutrición (AESAN).

Esta é a segunda actividade formativa de ámbito estatal promovida pola AESAN que se celebra este ano en Galicia. A primeira tivo lugar os días 15 e 16 de xuño, tamén nas instalacións da EGAP, e estivo dedicada ao control oficial do comercio electrónico de alimentos.

A formación céntrase na detección temperá das enfermidades de declaración obrigatoria (EDO) de categoría A e doutras enfermidades emerxentes de especial impacto, así como nos procedementos de actuación ante unha sospeita ou confirmación destas patoloxías nun matadoiro.

Entre as enfermidades abordadas figuran algunhas de especial relevancia para a sanidade animal e a saúde pública, como a peste porcina africana, a febre aftosa, a peste dos pequenos ruminantes ou a gripe aviaria de alta patoxenicidade.

O programa combina sesións teóricas sobre o marco normativo, os sistemas de vixilancia, as medidas de prevención e control e a situación epidemiolóxica das principais enfermidades de risco para España, con debates e exercicios prácticos. En particular, desenvolvéronse dous casos prácticos para simular situacións reais, analizar diferentes escenarios e traballar na toma de decisións e na aplicación dos protocolos.

A participación de especialistas da AESAN, do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA) e do Centro de Investigación en Sanidade Animal (CReSA-IRTA), xunto coa achega da experiencia galega a través da presentación do sistema de inspección SEMAGA e da guía de inspección veterinaria oficial en matadoiros VETMAGA, proporciona unha visión ampla e aplicada dos retos actuais neste ámbito.

O curso reúne profesionais do control oficial en matadoiros procedentes de Galicia e doutras comunidades autónomas, o que permite crear un espazo de aprendizaxe compartida e favorecer o intercambio de coñecementos, experiencias e boas prácticas entre os distintos territorios.

Ademais, a dimensión interadministrativa da xornada resulta especialmente relevante neste ámbito no que a coordinación e a aplicación de criterios harmonizados son fundamentais para garantir unha resposta eficaz ante posibles riscos sanitarios.

A celebración desta actividade representa unha oportunidade para reforzar a capacitación dos veterinarios oficiais e dos profesionais responsables do control alimentario, cuxo traballo resulta esencial na vixilancia sanitaria dos animais destinados ao consumo humano e na detección de posibles ameazas sanitarias.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/11/2026