A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, visitou hoxe o HoHo Wien, o edificio máis alto de Europa e o segundo do mundo construído en madeira e formigón

A Xunta intercambia experiencias en Austria sobre construción industrializada en madeira

Lorenzana avanza que a Xunta quere empregar este material na fabricación das naves industriais e das vivendas que se van ofertar dentro do programa Galicia Industria 360

“Para nós, para Galicia, é fundamental coñecer de primeira man as experiencias que xa se están dando noutros países como é o caso de Austria”, di

Ademais do HoHo Wien, visitou a nova zona residencial da contorna de Viena, Aspern Seestadt, un dos proxectos de expansión urbana máis grandes de Europa onde a madeira está moi presente na arquitectura

Viena, 11 de novembro de 2026

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, asegurou hoxe que Austria pode ser un modelo a seguir á hora de fomentar o desenvolvemento urbanístico sustentable e a construción en madeira, un material que, segundo avanzou, a Xunta quere empregar na fabricación das naves industriais e das vivendas que se van ofertar dentro do programa Galicia Industria 360.

“Para nós, para Galicia, é fundamental coñecer de primeira man as experiencias que xa se están dando noutros países como é o caso de Austria -dixo-, onde se emprega moito a madeira, que é un recurso natural fundamental de Galicia que pretendemos tamén poder industrializar e utilizar na fabricación desas naves e desas vivendas na nosa comunidade autónoma”, engadiu.

Lorenzana fixo estas declaracións logo de visitar o HoHo Wien e toda a zona residencial da contorna acompañada por representantes do Ministerio Federal Austríaco de Agricultura e Silvicultura, Clima e Protección do Medio Ambiente, Rexións e Xestión da Auga. Trátase de Aspern Seestadt (situado no distrito 22, ao noreste de Viena), un dos proxectos de expansión urbana máis grandes de Europa concibido como unha ‘cidade xunto ao lago’ (Urban Lakeside) baseada en criterios de sustentabilidade e ecoloxía urbana, onde a madeira está moi presente na arquitectura.

Pola súa banda, o HoHo Wien é o edificio máis alto de Europa e o segundo do mundo construído en madeira e formigón, segundo o Council on Tall Buildings and Urban Habitat (CTBUH). Ten 84 metros de altura, 24 plantas e arredor do 75 por cento da estrutura e dos materiais nos que foi construído son de madeira. Grazas a que se montou con pezas prefabricadas e secas -uns 800 piares de madeira de abeto local sosteñen as cargas verticais-, os operarios puideron ensamblar as plantas de madeira a un ritmo moi superior ao dun edificio de cemento tradicional, aforrando no proceso máis de 2.800 toneladas de emisións de CO².

A súa relevancia non reside unicamente na dimensión arquitectónica. É especialmente interesante porque demostra como a madeira pode incorporarse a proxectos inmobiliarios complexos, con usos diversos, esixencias elevadas de seguridade, necesidades de flexibilidade e unha importante compoñente de industrialización.

Galicia na Plataforma Europea de Política da Madeira

Galicia forma parte da Plataforma Europea de Política da Madeira, European Wood Policy Platform (WoodPop), un foro de diálogo para facilitar o intercambio e a colaboración entre a administración pública, a industria e a investigación en todo o relativo ao uso da madeira como recurso renovable. Foi fundada por Austria e Finlandia e reúne actualmente 100 representantes gubernamentais de 27 países europeos, así como uns 150 expertos e organizacións do sector, centros de investigación e industria.

A Xunta participa activamente nesta plataforma a través da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera); concretamente, do CIS-Madeira, nos grupos de traballo técnico (Building e Innovation & Research).

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/11/2026