O programa de xestión procesual Atenea suporá a tradución de máis de 50.000 documentos

O director xeral de Xustiza, José Tronchoni, sinala que xa están dispoñibles as interfaces do programa e que se traballará de xeito progresivo na tradución dos documentos das distintas xurisdicións

Santiago de Compostela, 12 de novembro de 2026

O director xeral de Xustiza, José Tronchoni, explicou hoxe no Parlamento de Galicia os avances para incorporar o galego ao sistema de xestión procesual Atenea, que substituirá o actual programa Minerva nos xulgados. A tradución do propio programa abarca máis de 50.000 documentos e enmárcase na colaboración da Dirección Xeral de Xustiza, a Secretaría Xeral da Lingua e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).

José Tronchoni sinalou que a implantación de Atenea está condicionada por dous prazos. O primeiro é o 1 de xaneiro de 2027, data na que o novo sistema deberá estar en funcionamento en todos os órganos xudiciais. O segundo é o 28 de febreiro de 2027, cando Minerva deixará de funcionar definitivamente.

O director xeral explicou que a Xunta sinalou que desde a sinatura a comezos de outubro, do convenio co Ministerio da Presidencia, Xustiza e Relacións coas Cortes, os traballos centráronse en dúas cuestións: a posta en marcha do novo sistema nos xulgados e a súa tradución ao galego.

Así mesmo, explicou que o programa está xa dispoñible ma metade dos órganos xudiciais de Galicia e, que en todos eles, o entorno de traballo -a interface- está dispoñible en lingua galega. Tras isto, a Xunta traballa na tradución da documentación que comezou pola xurisdición civil, en concreto polo procedemento monitorio, para avanzar progresivamente no resto dos documentos e do programa.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/11/2026