O conselleiro de Sanidade, xunto co director xeral de Integración e Innovación Asistencial do Servizo Galego de Saúde, interveu na xornada de presentación do plan
Gómez Caamaño destaca que o novo Plan de coidados paliativos pediátricos reforzará a coordinación dos recursos asistenciais para garantir unha atención integral a preto de 1.000 menores e ás súas familias
O documento prevé un investimento de máis de 3 millóns de euros ata 2030, cun millón xa recollido en 2027
A iniciativa contempla a creación dunha rede galega de unidades especializadas nos hospitais de referencia e equipos multidisciplinares en todas as áreas sanitarias
Tamén prevé a incorporación de 10 profesionais sanitarios, 5 pediatras e 5 profesionais da enfermería
O plan reforzará a atención domiciliaria e continuada as 24 horas, os sete días da semana, e incorporará ferramentas de seguimento dixital e apoio ás familias
Santiago de Compostela, 12 de novembro de 2026
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, destacou hoxe que o Plan galego de atención paliativa e cronicidade complexa en pediatría 2026-2030 permitirá reforzar a coordinación dos recursos asistenciais para garantir unha atención integral e adaptada a preto de 1.000 menores e as súas familias.
Durante a presentación do documento aos profesionais, Gómez Caamaño subliñou que se trata do primeiro plan estratéxico específico de Galicia neste ámbito. A iniciativa establece un modelo de atención coordinado e personalizado, que abrangue desde as primeiras etapas da vida ata a adolescencia e contempla tamén a transición á atención de adultos.
O plan, aprobado polo Consello da Xunta o pasado 2 de novembro, conta cun investimento estimado de 3.077.297 euros para o período 2026-2030, con 1 millón de euros en 2027 para impulsar a súa posta en marcha.
A nova estrutura contará con unidades de atención integral paliativa pediátrica nos hospitais de referencia de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo, destinadas aos casos de maior complexidade, e con equipos multidisciplinares especializados en cada área sanitaria.
Con este obxectivo, o plan prevé a incorporación de 10 profesionais sanitarios -cinco pediatras e cinco de enfermería-, así como a adquisición de vehículos, tecnoloxía sanitaria e ecógrafos para facilitar a atención especializada e domiciliaria.
Atención integral e coordinación as 24 horas
O documento busca garantir a continuidade dos coidados as 24 horas do día, os sete días da semana, mediante a coordinación dos servizos de pediatría, as distintas especialidades hospitalarias, a atención primaria, a Hospitalización a Domicilio e o 061. O modelo incorpora tamén a colaboración cos recursos sociais e comunitarios, as asociacións de pacientes e os centros educativos.
A atención no domicilio terá un papel destacado, con visitas programadas e seguimento clínico continuado, para que os menores poidan recibir os coidados na súa contorna habitual sempre que sexa posible.
Para facilitar este labor, o plan prevé o uso de ferramentas dixitais como as videoconsultas e a plataforma TELEA, así como o desenvolvemento dun recurso de atención intermedia para estancias breves e coidados de alta complexidade. Tamén incorpora o programa ‘Coidamos Contigo’, destinado a ofrecer apoio temporal e respiro ás familias coidadoras.
Todas estas actuacións organízanse arredor de catro liñas estratéxicas: a identificación dos menores segundo as súas necesidades; a coordinación dos recursos asistenciais; a atención integral aos pacientes e ás súas familias, incluído o apoio psicolóxico e social; e a formación e acompañamento dos profesionais e das persoas coidadoras.
Unha rede galega de atención paliativa xa consolidada
Gómez Caamaño explicou que Galicia non parte de cero, xa que conta con equipos específicos de coidados paliativos pediátricos nos hospitais universitarios da Coruña, Santiago e Vigo.
O novo plan permitirá consolidar e reforzar estes dispositivos baixo un marco organizativo común, así como desenvolver progresivamente unha Rede galega de atención paliativa pediátrica.
Ademais dos tres equipos pediátricos específicos, Galicia dispón dunha rede xeral de coidados paliativos integrada por sete unidades hospitalarias de adultos, unha en cada área sanitaria, e 43 recursos non específicos, fundamentalmente equipos de Hospitalización a Domicilio (HADO), que complementan a actividade dos dispositivos especializados.
Segundo os datos do Mapa de Recursos de Coidados Paliativos do Sistema Nacional de Saúde, Galicia é, xunto co País Vasco, unha das comunidades cunha maior proporción de equipos no ámbito hospitalario, cun 75 %. Ademais, xunto con Castela e León, conta co maior número de recursos non específicos.