O secretario xeral para o Deporte participa na presentación do Campionato Xunta de Galicia de Marcha en Pista

A proba reunirá os mellores atletas galegos da especialidade o vindeiro 21 de novembro no Centro Galego de Tecnificación Deportiva

No acto deuse a coñecer o ciclo de charlas Psicoloxía no deporte, dirixidas a atletas e ás súas familias, que se desenvolverán en decembro en Ourense, A Coruña, Ames e Pontevedra

A Coruña, 13 de novembro de 2026

O secretario xeral para o Deporte, Roberto García, asistiu hoxe na Coruña á presentación do XIX Campionato Xunta de Galicia de Marcha en Pista de inverno, que se celebrará o vindeiro 21 de novembro no Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD) de Pontevedra.

Esta edición levará por primeira vez o nome de I Trofeo Chamosa, en recoñecemento á traxectoria dos irmáns Antía e Daniel Chamosa, atletas pontevedreses que foron finalistas no Mundial absoluto de marcha de Toquio 2025. A competición contará con probas desde a categoría sub10 ata a absoluta, na que se disputará unha distancia de 5.000 metros.

O acto serviu tamén para dar a coñecer o ciclo de charlas Psicoloxía do deporte, dirixidas a atletas das categorías sub16, sub18 e sub20 e ás súas familias. As sesións ofrecerán ferramentas para afrontar os adestramentos e as competicións desde o punto de vista psicolóxico e abordarán cuestións como a xestión da ansiedade e do estrés, como asumir os malos resultados ou a compatibilidade entre os estudos e o deporte.

As charlas desenvolveranse o 3 de decembro en Ourense, o 11 de decembro en Ames e na Coruña e o 18 de decembro en Pontevedra.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/11/2026