O conselleiro de Sanidade, xunto co director xeral de Integración e Innovación Asistencial do Servizo Galego de Saúde, e o xerente da área sanitaria, visitou o Hospital de Día de Saúde Mental do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense
Comeza o reforzo dos recursos de saúde mental de Ourense coa renovación do hospital de día, que gaña cinco consultas e novos espazos humanizados
A reforma e ampliación dos espazos supuxo un investimento de máis de 83.500 € e permitiu gañar 135 m2 para as instalacións do hospital de día
Só no primeiro semestre de 2026, rexistrou 3.348 sesións asistenciais e 2.123 consultas
Conta con 20 prazas de hospitalización de día de alta intensidade, que favorece a recuperación dos pacientes e a súa integración na comunidade
Cumpre cunha das principais liñas do novo Plan Estratéxico de Saúde Mental 2026-2030, que é o reforzo e humanización da atención aos pacientes
Ourense, 13 de novembro de 2026
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, visitou hoxe o Hospital de Día de Saúde Mental do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, onde a Xunta destinou máis de 83.500 euros á reforma e ampliación deste dispositivo para gañar 135 metros cadrados e cinco novas consultas de psiquiatría.
No acto, no que tamén estiveron presentes o director xeral de Integración e Innovación Asistencial do Servizo Galego de Saúde, Alfredo Silva, o xerente da área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, Santiago Camba, e a subdirectora xeral de Atención á Saúde Mental, Almudena Díaz, o titular da carteira sanitaria explicou que as instalacións contan agora con novas salas polivalentes, unha cociña terapéutica e espazos de convivencia. Tamén con melloras na accesibilidade, na seguridade e no confort para os pacientes.
Tal e como indicou Gómez Caamaño, o Hospital de Día de Saúde Mental, que conta con 20 prazas de atención diaria de alta intensidade, desenvolve este labor ofrecendo unha alternativa á hospitalización completa, favorecendo, así, a recuperación e a integración comunitaria dos pacientes.
En canto á actividade asistencial, o conselleiro de Sanidade destacou que só no primeiro semestre de 2026, o Hospital de Día realizou 3.348 sesións asistenciais e 2.123 consultas. Así mesmo, acumula 166 rexistros mensuais de pacientes atendidos, o que equivale a unha media aproximada de 28 persoas ao mes.
A actividade do dispositivo ourensán vai máis alá da atención clínica, con 138 sesións de grupos terapéuticos, 49 de actividade deportiva, 27 de horto terapéutico e 21 de psicomotricidade, ademais doutras actividades orientadas á rehabilitación e ao benestar emocional.
Esta renovación está financiada con fondos do Plan de Acción de Saúde Mental 2025-2027 do Ministerio de Sanidade.
Plan Estratéxico de Saúde Mental 2026-2030
A actuación enmárcase no traballo impulsado desde a Xunta para reforzar e humanizar a atención á saúde mental de Galicia, unha das prioridades do novo Plan Estratéxico de Saúde Mental 2026-2030.
Así, contempla a incorporación de 357 novos profesionais no conxunto da comunidade autónoma, dos cales 48 corresponden á área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras.
Nesta área, a Consellería de Sanidade ten previsto investir 1,25 millóns de euros en obras e equipamento para novos servizos. En concreto, o Plan contempla a ampliación da unidade de hospitalización de agudos, mellorar a climatización do Hospital de Piñor e crear dúas novas unidades especializadas, unha de depresión refractaria e outra de hospitalización infanto-xuvenil.
Con estas actuacións, o Executivo galego busca aumentar os recursos asistenciais, reforzar a atención especializada e comunitaria e facilitar que os pacientes poidan recibir unha atención cada vez máis próxima e adaptada ás súas necesidades.
O conselleiro aproveitou a súa intervención para lembrar que a saúde mental non se limita ás consultas ou aos tratamentos farmacolóxicos, tamén require espazos adecuados para a rehabilitación, as actividades terapéuticas, a convivencia e a recuperación da autonomía persoal.
Para finalizar, o responsable sanitario agradeceu o traballo dos profesionais do centro ourensán, polo seu labor diario na atención, no acompañamento e na recuperación dos pacientes.