A Xunta impulsa a mellora dos itinerarios peonís e accesos turísticos de Pereiro de Aguiar como porta de entrada á Ribeira Sacra

Xosé Merelles visitou as actuacións que permitirán completar e conectar itinerarios no Concello, ademais de mellorar a seguridade e a accesibilidade e favorecer a promoción dos recursos locais

Pereiro de Aguiar (Ourense), 16 de novembro de 2026

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, visitou esta mañá as actuacións de mellora da mobilidade peonil e da accesibilidade que se están a desenvolver no Concello de Pereiro de Aguiar co apoio da Xunta e que contribuirán ademais á promoción turística dos recursos locais.

O proxecto permite avanzar cara a unha mobilidade urbana máis sostible e segura, mediante a creación de percorridos peonís continuos e accesibles. Para iso, reorganizaranse os espazos existentes e renovaranse os pavimentos, ampliando a superficie das beirarrúas mediante a redución do ancho destinado aos aparcamentos. Deste xeito, darase maior protagonismo aos desprazamentos a pé e facilitaranse itinerarios máis amplos e cómodos.

Unha das principais intervencións desenvolverase na travesía da Derrasa, onde se ampliará e renovará o pavimento das beirarrúas para garantir a accesibilidade. Ademais, conectaranse as dúas sendas executadas previamente pola Xunta, dando continuidade aos percorridos peonís.

Esta iniciativa forma parte do conxunto de actuacións que Turismo de Galicia apoia para impulsar o desenvolvemento turístico de Pereiro de Aguiar. Neste marco, as obras complétanse co proxecto de sinalización turística e coas intervencións de embelecemento dos accesos aos recursos turísticos, co propósito de mellorar a imaxe do municipio e a experiencia das persoas visitantes.

O conxunto destes investimentos contribuirá a mellorar a integración dos recursos turísticos no territorio e a reforzar o posicionamento de Pereiro de Aguiar como porta de entrada á Ribeira Sacra.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/11/2026