Xunta e Concello convocarán nas vindeiras semanas unha mesa técnica para avanzar nunha solución conxunta para o mantemento do polígono da Sionlla

O xerente da Sociedade Xestión do Solo de Galicia (Xestur), Diego Toja, destaca que “a colaboración entre ambas administracións para chegar a unha solución é total”

Santiago de Compostela, 17 de novembro de 2026

O xerente da Sociedade Xestión do Solo de Galicia (xestur), Diego Toja, e o concelleiro de Urbanismo de Santiago, Iago Lestegás, mantiveron hoxe unha reunión cos empresarios do polígono da Sionlla na que lles trasladaron que na vindeiras semanas se convocará a mesa técnica para avanzar nunha solución conxunta para o mantemento do polígono industrial. Este é o paso previo para constituír a Entidade Urbanística de Conservación prevista no proxecto sectorial.

O obxectivo desta mesa é analizar o estado actual do parque empresarial, as actuacións necesarias, os gastos históricos e actuais e os posibles criterios de participación e financiamento. Polo tanto, tal e como explicou o xerente de Xestur, dáse un paso  máis, logo da sinatura a semana pasada do protocolo de colaboración, para asegurar a conservación e o mantemento deste polígono.

Neste marco, Diego Toja, destacou que a “colaboración entre ambas administracións para chegar a unha solución é total”, e puxo en valor o traballo paralelo entre a mesa técnica e a constitución da Entidade de Conservación para que unha vez finalizada a mesa se poida “asinar xa canto antes un convenio de colaboración no que participen tamén os empresarios”, dixo.

No encontro, tamén se abordou a situación actual do polígono; o contido principal do protocolo, a necesidade de articular unha solución na que participen as tres partes implicadas (Xestur, Concello e empresarios) para garantir un modelo de conservación estable e sostible para este parque empresarial; e a proposta de traballar nun esquema de solución no que se inclúa a participación dos propietarios das parcelas.

O obxectivo é asegurar a conservación, o mantemento e a reparación das infraestruturas deste polígono industrial, máis en concreto, garantir o correcto funcionamento dos seus servizos e infraestruturas como a rede viaria e a iluminación.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/11/2026