O conselleiro de Medio Ambiente e Cambio Climático reuniuse co presidente da entidade
A Xunta e a Asociación de Tecores Galegos analizan vías de colaboración relacionadas coa actividade cinexética
Santiago de Compostela, 17 de novembro de 2026
O conselleiro de Medio Ambiente e Cambio Climático, Nicolás Vázquez Iglesias, analizou hoxe co presidente da Asociación de Tecores Galegos (Ategal), Fernando Rois, posibles vías de colaboración relacionadas coa actividade cinexética.
Neste senso, os representantes de Ategal expuxeron o labor que fai a entidade para facilitar o acceso do colectivo a novos coñecementos no eido da seguridade e a prevención de accidentes, das enfermidades da fauna cinexética, da xestión interna das propias agrupacións ou da saúde alimentaria, entre outros temas.
Ademais de abordar a declaración de emerxencia cinexética temporal en toda a Comunidade e a xestión coordinada do xabaril desde un ámbito transversal e diferencial do territorio, o conselleiro enmarcou esta reunión nunha primeira toma de contacto coa asociación e puxo en valor as accións que realiza no eido da potenciación, da difusión e da mellora desta actividade, fomentando á vez valores como o respecto e o coidado do patrimonio natural e do medio ambiente en xeral.