O director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero participou na xornada A violencia de xénero virtual, un desafío para a igualdade

A Xunta avoga pola sensibilización colectiva como ferramenta de detención e prevención da violencia de xénero

Roberto Barba puxo en valor o papel dos medios de comunicación para combater achegar á cidadanía ferramentas para combater as violencias dixitais

Santiago de Compostela, 19 de novembro de 2026

O director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, Roberto Barba, avogou esta mañá pola sensibilización colectiva como ferramenta de detección e prevención da violencia de xénero, facendo especial fincapé no papel dos medios de comunicación e das redes sociais. Así o trasladou durante a súa participación na xornada A violencia de xénero virtual, un desafío para a igualdade

Durante a súa participación nesta xornada que se enmarca no Congreso de Medios de Comunicación e Igualdade de Xénero, o director xeral puxo en valor o papel dos medios de comunicación para combater e achegar á cidadanía ferramentas esenciais para poñer freo ás violencias dixitais. Así, explicou que é fundamental a implicación e traballo dos profesionais da comunicación para chegar “ás casas de todos os galegos”.

Roberto Barba agradeceu tamén a participación de profesionais e expertos neste Congreso que axuda a crear un diálogo aberto no que abordar as medidas esenciais para a prevención, detección e sensibilización fronte á violencia de xénero, pero tamén para o intercambio de experiencias que “ é moi importante para seguir mellorando neste sentido”. Por iso, recordou que o texto da futura Lei integral de medidas contra o acoso e a violencia dixital da Xunta, a primeira de España e Europa,  contou na súa elaboración co consenso do tecido asociativo, dos profesionais e entidades para conformar un marco normativo sólido e eficaz.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/11/2026