O conselleiro de Medio Ambiente e Cambio Climático participou na Coruña na xornada Xoves verde: O valor de facer as cousas doutra maneira

A Xunta aposta por unha política ambiental baseada na anticipación, a planificación e a colaboración

Nicolás Vázquez Iglesias indica que protexer a Galicia de hoxe é a mellor maneira de garantir a Galicia ambiental, social e económica de mañá

A Coruña, 19 de novembro de 2026

O conselleiro de Medio Ambiente e Cambio Climático, Nicolás Vázquez Iglesias, apostou hoxe por unha política ambiental que se basee na anticipación, a planificación e a colaboración, durante a súa intervención na xornada Xoves verde: O valor de facer as cousas doutra maneira, organizada por Quincemil.

Nese senso, Vázquez Iglesias sinalou que para avanzar cara a unha Galicia máis sostible é fundamental a implicación e a colaboración de todos: administracións, tecido produtivo e cidadanía. Así, puxo como exemplo a xestión dos residuos, onde aínda que as competencias son dos concellos, a Xunta presta apoio constante e continuo e, ademais, tanto empresas como veciñanza deben implicarse para garantir un correcto tratamento dos refugallos.

En canto á planificación, o conselleiro, que estivo acompañado da delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, puxo como exemplo a xestión que está a facer o Goberno galego do litoral, destacando que a protección da costa é compatible co desenvolvemento de proxectos e iniciativas que a poñan en valor e que, ao mesmo tempo, ofrezan oportunidades para a creación de emprego e riqueza.

Finalmente, Nicolás Vázquez insistiu na importancia de acometer políticas proactivas como accións, iniciativas ou proxectos que se anticipen ás necesidades da poboación. Neste caso, o conselleiro expuxo o traballo que vén realizando Augas de Galicia para afrontar nas mellores condicións posibles as situacións de seca ou as inundacións provocadas polos efectos do cambio climático.

Logo de indicar que conservar o patrimonio natural, garantir servizos públicos básicos e impulsar a competitividade do tecido produtivo son tres engrenaxes dun mesmo motor, o conselleiro concluíu incidindo en que protexer a Galicia de hoxe é a mellor maneira de garantir a Galicia ambiental, social e económica de mañá.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/11/2026