A Xunta mantén aberto o prazo de inscrición para o programa gratuíto Xuntos polo Nadal na residencia de tempo libre de Panxón

A delegada en Vigo, Ana Ortiz, visitou as instalacións que o Goberno galego xestiona xunto á praia de Patos, en Nigrán

Nigrán (Pontevedra), 24 de novembro de 2026

A delegada da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, visitou este martes a Residencia de Tempo Libre de Panxón, en Nigrán, que acollerá o vindeiro mes de decembro a 140 participantes nunha nova edición do programa gratuíto Xuntos polo Nadal.

A representante autonómica sinalou que a Xunta ten aberto ata o 30 de novembro o prazo de inscrición para esta iniciativa. “Trátase dunha mostra máis do compromiso do Goberno galego para garantir o envellecemento activo e saudable das persoas maiores, contribuíndo ao seu benestar e a evitar situacións de dependencia ou soidade non desexada”, sinalou durante a súa visita.

Este programa levarase a cabo entre o día 23 de decembro de 2026 e o día 7 de xaneiro de 2027, en tres quendas diferentes, das que se deberá elixir unha: do 23 de decembro ao 7 de xaneiro (16 días), do 23 ao 30 de decembro (8 días) e do 31 de decembro ao 7 de xaneiro (8 días). Inclúese aloxamento e manutención en réxime de pensión completa, traslado en autobús ata as residencias desde as principais cidades e viaxe de regreso, así como actividades de animación sociocultural.

Para acceder á iniciativa é necesario ter 60 anos, valerse por un mesmo, estar empadroado en Galicia ou vivir só no domicilio e non ter con quen pasar as datas do Nadal, entre outros requisitos. Para a selección das persoas participantes daráselle preferencia a aquelas que perderan o seu cónxuxe ou persoa coa que convivisen nos últimos dous anos, ás que teñan máis idade e ás que non participaran nas edicións anteriores.

As solicitudes para inscribirse en Xuntos polo Nadal poden realizarse preferentemente por vía electrónica a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia ou maneira presencial nas Oficinas de atención á cidadanía e de rexistro. As peticións de praza deberán ir acompañadas da declaración responsable e do informe social que figuran nos modelos oficiais da convocatoria.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/11/2026