A Xunta pon en valor o potencial do proxecto Feito co Mar para xerar novas oportunidades de negocio a partir dos produtos pesqueiros
O director xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, David Gómez, participou en Vilanova de Arousa na presentación desta iniciativa de cooperación na que participan sete grupos de acción local do sector pesqueiro
O proxecto desenvolverá en 2027 dous programas formativos de iniciación e profesionalización dirixidos a persoas interesadas na transformación e valorización dos produtos do mar
Vilanova de Arousa (Pontevedra), 23 de novembro de 2026
O director xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, David Gómez, participou hoxe no Pazo de Vista Real, en Vilanova de Arousa, na presentación do proxecto Feito co Mar, unha iniciativa que busca impulsar novas oportunidades de emprendemento e innovación a partir da transformación e valorización dos produtos pesqueiros, contribuíndo á diversificación da actividade económica das zonas costeiras e á remuda xeracional no sector.
A iniciativa enmárcase nas Estratexias de Desenvolvemento Local Participativo (EDLP) do período 2021-2027, que teñen entre os seus obxectivos o fortalecemento do sector marítimo-pesqueiro, a creación de emprego e a diversificación económica das comunidades costeiras. O proxecto está coordinado polo Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) Golfo Ártabro Norte e nel participan tamén os da Mariña-Ortegal, Golfo Ártabro Sur, Costa da Morte, Costa Sostible, Ría de Arousa e Ría de Pontevedra.
Un dos principais eixos do proxecto, que conta coa chef galega Lucía Freitas como madriña, será a posta en marcha dos Viveiros Formativos de Emprendemento, que desenvolverán en 2027 dous programas. O primeiro estará dirixido a persoas que queiran explorar as posibilidades que ofrece a transformación dos produtos pesqueiros e comezar a definir unha idea de negocio, mentres que o segundo estará orientado á profesionalización e consolidación de iniciativas empresariais.
Ambos os programas incluirán formación práctica sobre normativa, boas prácticas, técnicas e procesos de elaboración, envasado e etiquetaxe, así como espazos de experimentación e un proceso de titorización para acompañar as persoas e colectivos interesados na posta en marcha dos seus proxectos.
A iniciativa, dirixida principalmente aos sectores pesqueiro, marisqueiro e acuícola, inclúe a celebración de máis de vinte encontros informativos en concellos de toda a costa galega. Estas xornadas permitirán dar a coñecer os programas formativos, identificar ideas de negocio e captar proxectos susceptibles de participar nos viveiros.
Durante a súa intervención, David Gómez puxo en valor o papel das Estratexias de Desenvolvemento Local Participativo para dar resposta aos retos económicos e sociais das comunidades costeiras.