O presidente da Xunta participou en Ourense no XXV Congreso Nacional da Sociedade Española de Traumatoloxía Laboral
Rueda destaca a coordinación entre profesionais sanitarios como clave para mellorar a recuperación das lesións laborais
Salienta que a saúde no traballo vai máis alá do ámbito estritamente sanitario e ten repercusión directa na calidade de vida das persoas e no funcionamento do tecido produtivo
Ourense, 26 de novembro de 2026
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe a importancia da coordinación entre os profesionais sanitarios para mellorar a prevención, a atención e a recuperación das lesións relacionadas coa actividade laboral, durante o acto inaugural do XXV Congreso Nacional da Sociedade Española de Traumatoloxía Laboral (SETLA), celebrado en Ourense.
Na cita, á que tamén asistiu o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, Rueda agradeceu á organización ter escollido Galicia como sede desta edición. Así mesmo, destacou a importancia da “colaboración estreita” entre os distintos profesionais implicados no coidado da saúde laboral —médicos de familia, inspección sanitaria e especialistas en traumatoloxía, rehabilitación, psiquiatría e psicoloxía— para favorecer unha boa recuperación e garantir unha volta ao traballo nas mellores condicións.
Ademais, o presidente da Xunta salientou que a saúde laboral vai máis alá do ámbito estritamente sanitario e ten repercusión directa na calidade de vida das persoas e no funcionamento do tecido produtivo.