A Xunta incrementa nun 20 % o número de bolsas para que o alumnado das universidades públicas galegas mellore o seu nivel en linguas estranxeiras no verán

O Diario Oficial de Galicia publicará mañá a convocatoria, cuxo prazo de presentación de solicitudes estará aberta ata o 14 de marzo

Cada un dos 170 estudantes recibirá unha axuda de 1000 € para realizar estadías formativas nalgún Estado membro da UE entre o 15 de xuño e o 31 de agosto

Santiago de Compostela, 8 de xaneiro de 2023 A Xunta de Galicia incrementa este ano nun 20 %, o número de bolsas para que o alumnado das universidades públicas galegas mellore as súas competencias en linguas estranxeiras durante o verán. Serán en total 170 axudas, de 1.000 € cada unha, para que estes estudantes realicen estadías de formación lingüística nalgún Estado membro da Unión Europea entre o 15 de xuño e o 31 de agosto a través desta liña de acción da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades.

O Diario Oficial de Galicia publicará mañá esta convocatoria, cuxo prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 14 de marzo. Deberán presentarse por medios electrónicos a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta. Poderán optar os universitarios que estean matriculados no curso 2022/23, como mínimo en 50 créditos, en calquera das universidades públicas do Sistema Universitario de Galicia (SUG) en estudos de grao. Ademais, os aspirantes deberán ter superado 60 créditos a data de 30 de setembro de 2022.

As persoas interesadas deberán acreditar que van realizar un curso de idiomas no devandito período cunha duración mínima de tres semanas, excluíndo as datas da viaxe, e un mínimo de 60 horas lectivas. O idioma que se desexe cursar deberá corresponderse co oficial do país elixido.

O obxectivo desta liña de axudas é facilitarlle ao alumnado universitario cumprir cos requisitos e necesidades creadas polo Espazo Europeo de Educación Superior, que esixe o coñecemento dunha segunda lingua para mellorar a súa competencia, capacidade de estudo e de traballo no contexto internacional. O ano pasado gozaron destas axudas 142 alumnos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/01/2023