O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, presenta o cartaz, obra do ilustrador Federico Fernández Alonso

A Xunta incorpora ao Calendario do Libro e a Lectura datas de homenaxe a Manuel Murguía, Pablo Picasso e Carlos Oroza

Ademais, súmanse ao almanaque os días do libro electrónico (4 de xullo), da preservación dixital e do patrimonio cultural (o 2 e 16 de novembro, respectivamente)

O obxectivo deste documento é impulsar a realización de actividades arredor das principais datas e facilitar a planificación anual das mesmas

Santiago de Compostela, 5 de xaneiro de 2023 A Xunta incorpora este ano ao seu Calendario do Libro e da Lectura de Galicia datas de homenaxe a Manuel Murguía, Pablo Picasso e Carlos Oroza. Así o explicou esta mañá o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, na presentación do cartaz conmemorativo do almanaque, obra do ilustrador Federico Fernández Alonso, un acto celebrado na Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal.

O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades explicou que o novo calendario conmemora o centenario do pasamento do historiador e escritor Manuel Murguía (2 de febreiro), o cincuenta pasamento do artista Pablo Picasso (8 de abril) e o centenario do nacemento do poeta Carlos Oroza (13 de maio), “dando así relevancia a figuras moi destacadas da cultura en Galicia.” Así mesmo, inclúense outras tres novas conmemoracións, en concreto os días do libro electrónico (4 de xullo), da preservación dixital e do patrimonio cultural (o 2 e 16 de novembro, respectivamente), “co que damos cabida ás manifestacións culturais relacionadas coas novas tecnoloxías”, destacou o director xeral.

Deste xeito o calendario amplía a 33 o número de efemérides incluídas. O obxectivo da Xunta de Galicia coa publicación deste documento é impulsar a realización de actividades arredor das principais datas vencelladas a este ámbito e facilitar a súa planificación anual. Trátase, ademais, nunha iniciativa enmarcada na lei do libro e da lectura de Galicia, que establece a elaboración deste calendario para fomentar a lectura e a normalización da presenza do libro en todos os sectores da sociedade.

O representante do Goberno galego salientou, ademais, que xa se está a preparar unha ampla oferta de accións para celebrar o Día das letras galegas (17 de maio), que este ano rende homenaxe a Francisco Fernández del Riego; así como para o Día das artes galegas (1 de abril), que en 2023 rende homenaxe a Martín Códax e a música galega.

Programación mensual

A primeira das citas celebrarase a vindeira semana nas bibliotecas galegas, nas que o mércores 11 se conmemorará o Día do usuario. Ademais, o vindeiro luns 30 xaneiro será a quenda do Día da ilustración, coincidindo co aniversario do nacemento de Castelao, e dedicado este ano á pintora María Antonia Dans.

 

En febreiro, ademais dos 100 anos sen Manuel Murguía (xoves 2), conmemorarase o Día da lingua materna (martes 21) e o aniversario do nacemento de Rosalía de Castro (xoves 23); mentres que en marzo as actividades se centrarán no Día do cómic (venres 17), no da narración oral (luns 20), o da poesía (martes 21) e o do teatro (luns 27).

 

Abril arrincará co Día das artes galegas, seguido do Día do libro infantil e xuvenil (domingo 2) e do cincuenta pasamento de Pablo Picasso (sábado 8), e rematará co Día do libro (domingo 23) e co da propiedade intelectual (mércores 26).

 

En maio, ademais das Letras Galegas, celebrarase o Día da liberdade de prensa (mércores 3), o centenario do nacemento de Carlos Oroza (sábado 13), o Día dos museos (xoves 18) e o da diversidade cultural (domingo 21). Ademais, o 9 de xuño recordarase a importancia dos arquivos coa celebración do seu día.

 

Xa no verán, as accións conmemorativas xirarán arredor do libro electrónico (martes 4 de xullo), da comprensión lectora (mércores 26 de xullo), da alfabetización (venres 8 de setembro) e o Día europeo das linguas (martes 26 de setembro).

 

O Día da tradución (sábado 30 de setembro) será a primeira cita do outono, ao que seguirán o Día das escritoras (luns 16 de outubro) e o das bibliotecas (martes 24 de outubro).

 
Novembro estará, pola súa banda, cargado de actividades coa celebración do Mes da ciencia en galego nas bibliotecas, o Día da preservación dixital (xoves 2), o Día da lectura (venres 3), coincidindo co aniversario do nacemento de Xosé Neira Vilas; o Día das librarías (sábado 11) e o Día do patrimonio cultural (xoves 16). Pechará o calendario o Día da edición e aniversario do nacemento de Ánxel Casal, o  domingo 17 de decembro.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/01/2023