Fernández-Tapias informa á plataforma de afectados do Vial de Beade sobre a tramitación do Plan Xeral

A delegada territorial da Xunta en Vigo mantivo unha nova xuntanza cos representantes dos veciños que se opoñen á construción da nova infraestrutura

“Xa informamos ao Concello que deben facer un estudo de tráfico das estradas autonómicas que percorren a cidade ”, sinalou

Vigo, 9 de xaneiro de 2023

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández-Tapias, mantivo este luns unha nova xuntanza cos directivos da Plataforma de Afectados o Vial de Beade para informarlles dos avances na tramitación do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM).

A representante autonómica explicou aos representantes dos veciños que se opoñen á construción da nova infraestrutura na parroquia viguesa que o pasado día 26 de decembro a Xunta remitiu ao Goberno municipal o informe desfavorable da Axencia Galega de Infraestructuras (AXI).  “A día de hoxe non tivemos resposta nin ao informe nin ao ofrecemento para unha reunión técnica”, apuntou.

En dito informe quedan reflictidas as principais carencias do PXOM neste capítulo, principalmente a ausencia dun estudo de tráfico nas estradas autonómicas que percorren Vigo, polo que non se pode acreditar que non vaian saturarse polo futuro desenvolvemento urbanístico.

Ademais, a delegada territorial indicou que o Plan Xeral non pode imputar á Xunta o custo de 85 millóns de euros dos seis últimos tramos da estrada PO-010 (Rolda A Balsa - Baruxáns) ao tratarse dun vial municipal en Beade.

Fernández-Tapias insistiu ante os veciños de Beade en que a obriga da Xunta é cumprir a lei en materia de ordenación viaria, mentres que a do Concello de Vigo é elaborar un plan que sexa autorizable. “O actual non o é, por iso poñemos aos técnicos autonómicos a disposición: para emendar os erros que nestes meses pasados non se emendaron”, sinalou.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/01/2023