A conselleira do Mar, Rosa Quintana, visitou o peirao de Portonovo para comprobar os investimentos realizados na lonxa en materia de eficiencia enerxética e seguridade

A Xunta apoiou o ano pasado con preto de 2 M€ máis de 20 proxectos de mellora nas infraestruturas portuarias da provincia de Pontevedra

A convocatoria de 2023 destas achegas sairá publicada esta semana no Diario Oficial de Galicia por valor de 4,6 millóns de euros e permitirá desenvolver proxectos para facilitar o labor dos profesionais do mar e impulsar a competitividade do sector

A confraría de Portonovo instalou 180 placas solares fotovoltaicas nos tellados da lonxa -cunha axuda de 65.000 euros- e adquiriu un portapalés eléctrico ao que se engadirá unha carretilla elevadora eléctrica cun apoio de máis de 35.600 euros

Sanxenxo (Pontevedra), 11 de xaneiro de 2023 A conselleira do Mar, Rosa Quintana, visitou hoxe a lonxa de Portonovo, en Sanxenxo, onde coñeceu o resultado dos investimentos realizados en materia de eficiencia enerxética e seguridade mediante a instalación de placas solares fotovoltaicas nos tellados da lonxa e na adquisición dun portapalés eléctrico. Estas iniciativas son parte das máis de 20 da provincia de Pontevedra que recibiron apoio da Xunta no marco da convocatoria de 2022 de axudas para melloras nas infraestruturas e equipamentos portuarios por importe de preto de 2 millóns de euros.

A conselleira, que estivo acompañada polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, e pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, especificou que en total o ano pasado o Goberno galego aprobou case 50 proxectos deste tipo que contaron cun valor de axuda de máis de 4,3 millóns de euros. Ademais, lembrou que esta semana o Diario Oficial de Galicia (DOG) publicará a convocatoria deste ano á que o Goberno galego destina 4,6 millóns de euros.

O obxectivo destas achegas -cofinanciadas polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP)- é impulsar a mellora constante das instalacións e dos equipamentos portuarios para facilitar o labor diario dos profesionais do mar, a competitividade do sector e a súa rendibilidade, expuxo Rosa Quintana.

De feito, destas axudas poden beneficiarse as confrarías de pescadores, agrupacións de interese económico do sector pesqueiro, organizacións de produtores pesqueiros (OPP), cooperativas, asociacións profesionais de persoas mariscadoras e de redeiras. Tamén poderán acceder ás achegas as administracións públicas con competencias en portos para proxectos dirixidos á pesca costeira artesanal.

Accións subvencionables

Rosa Quintana explicou que dentro destes apoios son subvencionables, entre outras, actuacións que contribúan á mellora da eficiencia enerxética, como a realizada na lonxa de Portonovo, da protección do medio ambiente e da seguridade así como das condicións de traballo das persoas pescadoras. Tamén se financian iniciativas que favorezan a conservación das descargas de peixe e marisco, a súa trazabilidade, a selección ou a etiquetaxe.

A conselleira explicou que son convocatorias vivas que van sumando novos investimentos cada ano para adaptarse ás necesidades do sector, o que permitirá que este ano sexan subvencionables novas actuacións en materia de protección do medio ambiente e para reducir a pegada de carbono.

A lonxa de Portonovo

O proxecto de eficiencia enerxética realizado nesta lonxa contou cunha axuda da Xunta de 65.000 euros no marco da convocatoria do ano pasado e consistiu na instalación de 180 placas solares fotovoltaicas nos tellados do edificio que permitirán un aforro en electricidade de arredor do 50 %. O segundo investimento, cunha achega de máis de 35.600 euros, está centrado na  mellora da seguridade e as condicións de traballo na lonxa e permitiu a adquisición dun portapalés eléctrico. A isto engadirase unha carretilla elevadora eléctrica.

A lonxa de Portonovo ten unha superficie construída en planta de case 1.900 m2 repartidos en distintas áreas. Unha delas é a da sala de poxas con sistema automatizado, a cámara frigorífica, as oficinas dos servizos veterinarios e as instalacións de servizo. Outra zona é a área de xestión e servizos de lonxa, formada polas oficinas, os vestiarios e o almacén, o cuarto das instalacións e a sala multiusos.

Tamén hai unha zona composta por locais de servizo da actividade da lonxa e do porto e outra de visitas que permite a convivencia entre o turismo e a actividade das instalacións sen alterala. De feito, a confraría de Portonovo foi galardoada nos III Premios Economía Azul polo proxecto Acondicionamento do espazo da lonxa de Portonovo para a mellora do uso turístico e comercial implantando novas tecnoloxías – LonxaTour, realizado ao abeiro do GALP Ría de Pontevedra e que busca mellorar a comercialización dos produtos pesqueiros da lonxa local e a oferta de turismo mariñeiro no centro de primeira venda impulsando tamén a sensibilización medioambiental.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/01/2023