O director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, visitou hoxe este viveiro

A Xunta avanza na mellora do viveiro forestal dos Trollos para convertelo en referente de xestión de frondosas

Os traballos van encamiñados cara á conservación dos recursos xenéticos para dispoñer de planta de calidade, enmarcados no Plan Forestal de Galicia 2021-2040

A Xunta inviste no período 2019-2023 arredor de medio millón de euros nestas tarefas e prevé destinar uns 200.000 euros anuais ata 2027 neste mesmo eido da mellora forestal, chegando a un total de 1 millón de euros ao final do período

Bóveda (Lugo), 11 de xaneiro de 2023

O director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, visitou esta mañá o viveiro forestal dos Trollos en Bóveda (Lugo), acompañado do alcalde do concello, José Manuel Arias. O obxecto da visita foi inspeccionar os traballos de mellora que se están a desenvolver nas instalacións, iniciados pola Xunta de cara a conservar os recursos xenéticos e dispoñer de planta en cantidade, calidade e sanidade. Estas actividades están enmarcadas nas medidas establecidas no Plan Forestal de Galicia 2021-2040 “Cara á neutralidade carbónica”. Cabe destacar que a Xunta inviste no período 2019-2023 arredor de medio millón de euros nestas tarefas e prevé destinar uns 200.000 euros anuais ata 2027 neste mesmo eido da mellora forestal, chegando a un total de 1 millón de euros ao final do período

 

Neste senso, os traballos que comezaron no ano 2022 e que continuarán neste 2023, no marco do Plan de recuperación de viveiros -incluído no Plan Forestal de Galicia (PFG)- teñen como fin converter o viveiro dos Trollos nun centro referente para a xestión de masas frondosas no sur da provincia de Lugo. Cabe sinalar que a parcela conta cunha superficie de 30 hectáreas, o que favorece a orientación á conservación dos recursos xenéticos.

 

Actualmente, existe no viveiro un horto de semente de Pinus pinaster coa categoría de Cualificado, un rodal selecto de carballo americano (Quercus rubra), un rodal de Pseudotsuga menziesii coa categoría de identificado, diversas coleccións de frondosas e representación de multitude de especies. A maiores, Os Trollos conta con edificacións e instalacións nas que se levan a cabo actividades englobadas na educación ambiental.

 

Seguindo esta liña, destinarase a superficie dispoñible no viveiro a avanzar na conservación e mantemento de especies frondosas autóctonas. Así, aumentaranse as especies representadas incluíndo exemplos de especies ripícolas, especies frondosas de zonas atlánticas e frondosas de zonas mediterráneas.

 

Deste xeito, e como indica o Programa de divulgación e comunicación da cultura forestal -incluído no Plan Forestal de Galicia- os viveiros continuarán sendo lugares axeitados para mostrar o traballo realizado dende a Administración neste eido, mostrando o proceso de produción de planta e as accións relacionadas coa conservación do material forestal reprodutivo.

 

Eixo I do Plan Forestal

Cómpre lembrar que o Eixo I do Plan Forestal de Galicia 2021-2040 “Cara á neutralidade carbónica” refírese á contribución do monte galego á conservación da natureza e á prestación doutros servizos ambientais. Mediante unha rede de parcelas de alto valor xenético e xestión de materiais de base que permitirá asegurar a calidade do material forestal xenético subministrado, fixando como indicador a creación dun total de 20 parcelas no período 2021-2025.

 

Entre finais do ano 2021 e principios do 2022 quedaron instaladas nos viveiros xestionados pola Comunidade novas parcelas que se encadran no Plan de conservación e mellora xenética forestal. Estes hortos de semente e coleccións afondan na coordinación entre os viveiros forestais xestionados e o Centro de Sementes da Comunidade Autónoma.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/01/2023