A Xunta presenta o proxecto de revalorización da Ruta Traslatio para impulsar Galicia como destino turístico náutico

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, acompañada do delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, presentou esta mañá no Club Náutico de Ribeira, o proxecto que conta con 1,3 millóns de euros para dotar de novos recursos e infraestruturas aos portos deportivos e club náuticos vinculados á Ruta Xacobea

Forman parte deste proxecto os portos ou clubs náuticos de Ribeira, O Grove, Sanxenxo, Vilanova de Arousa, Boiro, Pobra do Caramiñal e Rianxo

O proxecto está incluído no marco das accións de cohesión en destino do Plan Xacobeo Next Generation

Ribeira (A Coruña), 14 de xaneiro de 2023

A directora de Turismo de Galcia, Nava Castro presentou esta mañá no Club Náutico de Ribeira, onde estivo acompañada do delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor; do presidente do Club Náutico, José Luis Torres Colomer; do alcalde de Ribeira, Manuel Ruiz; e do presidente de Asnauga, Javier Ruiz de Cortazar; o proxecto integral de revalorización da Ruta Traslatio - Ruta Xacobea marítimo fluvial polo mar de Arousa e o Río Ulla, que no marco das accións de cohesión en destino do Plan Xacobeo Next Generation, destina a este proxecto 1,3 millóns de euros, co obxectivo de impulsar Galicia como destino turístico náutico.

Nava Castro indicou que forman parte deste proxecto os portos ou clubs náuticos de Ribeira, O Grove, Sanxenxo, Vilanova de Arousa, Boiro, Pobra do Caramiñal e Rianxo. “Este proxecto busca converter a ruta Traslatio nun camiño a Santiago de referencia, equiparado ás demais rutas xacobeas, captando novos visitantes e peregrinos e consolidando Galicia como destino turístico náutico. Pretende revalorizar as infraestruturas portuarias e dotar de novos recursos aos portos deportivos e clubs  náuticos vinculados á ruta marítimo-fluvial”, explicou a directora de Turismo.

En base a este proxecto, o Real Club Naútico Sanxenxo, Nauta Sanxenxo, Club Náutico Portonovo, Club Náutico San Vicente, Club Náutico La Toja, Marina e estación marítima de Vilanova de Arousa, Club Náutico Rianxo, Club Náutico Cabo de Cruz, Club Náutico Barraña, Marina Pobra do Caramiñal e o Club Náutico de Ribeira, acollerán diversas actuacións e melloras nas súas infraestruturas e servizos.

O turismo náutico é un sector estratéxico para Galicia que está en pleno proceso de expansión, e este proxecto é unha aposta por revalorizar os activos turísticos cos que conta esta ruta, levando adiante liñas de actuación que melloren as infraestruturas portuarias nestes territorios, rehabilitar estruturas e poñer en valor medioambiental e patrimonialmente os recursos turísticos cos que conta o trazado polo que discorre esta ruta xacobea única.

Estas liñas de actuación tradúcense na posta en marcha de actuacións de dixitalización de recursos, creación ou mellora de espazos para a recepción de visitantes e mellora de equipamentos turísticos, posta en marcha de nova oferta cultural e turística relacionada coa ruta ou a mellora da oferta de servizos dos portos deportivos e clubs náuticos coa instalación de equipamentos de control e vixiancia intelixente, dotación de equipos de mobilidade sostible para a loita contra a contaminación marina así como sistemas de xestión medio ambiental, redes wifi e adaptación e mellora da eficiencia enerxética nas diferentes instalacións.

Plan Xacobeo Next Generation

O orzamento que este plan destinou a Galicia foi de 39,2 millóns de euros co obxectivo de incorporar medidas para conservar e facer un mellor uso dos Camiños de Santiago e para impulsar a actividade turística e económica.

Ademais das accións de cohesión en destino dentro das que se inxire este proxecto de revalorización da Traslatio e que contan con 8,4 millóns de euros, o programa contempla tamén os Plans de Sustentabilidade Turística en Destino, que contan cun orzamento de 8,1 millóns de euros e os proxectos de mantemento e rehabilitación dos bens de interese cultural do Camiño de Santiago, cun orzamento de 22,7 millóns de euros.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/01/2023