A Xunta concede axudas a preto de 80 entidades sociais para a adquisición de vehículos adaptados

A liña de axudas, que conta cun orzamento de 3,6 millóns de euros, permite a compra de 88 vehículos


As beneficiarias, do ámbito da atención persoas con discapacidade, poderán solicitar un anticipo de ata o 100% da subvención concedida
 

Santiago de Compostela, 16 de xaneiro de 2023

A Xunta de Galicia concede axudas a preto de 80 entidades sociais do ámbito da atención a persoas con discapacidade para a adquisición de vehículos adaptados de emisión cero, eco ou de etiqueta C verde. O Diario Oficial de Galicia publicou hoxe a resolución desta orde de axudas dotada con 3,6 millóns de euros.

 

Con esta liña de subvencións, o Goberno galego facilita a compra de 88 vehículos, que terán que ser comprados durante este ano. Así mesmo, as entidades beneficiarias poderán solicitar un anticipo de ata o 100% da subvención concedida para facilitar que as asociacións conten con liquidez antes de facer fronte a adquisición do vehículo.

 

A posta en marcha desta liña de axudas obedece ao compromiso do Goberno galego coa mellora da atención ás persoas con discapacidade. Deste xeito, a Administración autonómica favorece por un lado a compra de medios de transporte que respecten o medio ambiente e, por outro, axudan as entidades sociais no seu traballo diario a favor das persoas dependentes.

Data de actualización: 16/01/2023