A Xunta licita preto de 2 M€ de euros nun procedemento aberto de contratación de obras para a recuperación do potencial forestal na provincia de Pontevedra

Estas actuacións -que consisten en repoboacións e axudas á rexeneración de superficies afectadas por incendios- divídense en seis lotes para facilitar a súa adxudicación e execución


O prazo para que os interesados presenten ofertas rematará o 7 de febreiro ás 14:00 horas
 

Santiago de Compostela, 17 de xaneiro de 2023

A Consellería do Medio Rural, a través da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, vén de publicar na plataforma de contratación da Xunta de Galicia un procedemento aberto de contratación de obras de recuperación do potencial forestal por un total de 1.935.517,77 euros, cofinanciados co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER).

As obras circunscríbense á provincia de Pontevedra, divididas en seis lotes para facilitar a súa adxudicación e execución. Estes lotes corresponden aos montes de Espiñeiro (Soutomaior), Arbo e Gargamala (Mondariz), Barbudo (Pontecaldelas), Montes de Nespereira e Borbén (Pazos de Borbén) e Louredo (Mos). Son proxectos que permitirán recuperar a vexetación arbórea naquelas superficies nas que, despois dos lumes de anos anteriores, non se acadou a rexeneración natural.

O prazo para presentar ofertas rematará o 7 de febreiro ás 14:00 horas. Os licitadores realizarán todos os trámites de xeito telemático, dende a consulta da información dos lotes ata a oferta final. O procedemento en liña é posible grazas á plataforma desenvolvida pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), que permite tramitar a contratación das obras da Xunta de xeito completamente dixital. Ademais, Contratos Públicos de Galicia atópase interconectada coa Plataforma de Contratación do Sector Publico de xeito que as licitacións anunciadas nela pódense visualizar a nivel estatal facilitando a concorrencia e acceso ás licitacións das pequenas e medianas empresas.

O sector forestal é un elemento clave na economía verde de Galicia. Un compoñente esencial para a sostibilidade forestal é a protección dos espazos forestais fronte a aqueles axentes que ameazan as súas características básicas e a súa propia persistencia.

Así, a recuperación do potencial forestal mediante tratamentos post-incendio de conservación de solos, eliminación de restos forestais afectados, preparación, rexeneración e repoboación de zonas forestais e a reconstrución de infraestruturas danadas son elementos fundamentais no restablecemento, conservación e mellora da viabilidade dos bosques.

Compromiso da Xunta

A iniciativa enmárcase nunha sociedade europea que se atopa en vías de descarbonización, coa vista posta nos retos e oportunidades que están a demandar o Pacto Verde Europeo e a transición á bioeconomía.

 

Nese contexto, preséntase como clave o potencial de ecomateriais substitutivos baseados na madeira -en sectores como a construción, os téxtiles, os produtos químicos ou o envasado- seguindo o principio de “Reconstruír de novo facéndoo mellor” (“Building back better” BBB).

Ligazón á licitación na páxina web de Contratos Públicos de Galicia: https://www.contratosdegalicia.gal/licitacion?OP=50&N=806734&lang=gl

Data de actualización: 17/01/2023