Ethel Vázquez anuncia que a Xunta licitará na primavera a reforma da rúa Miño de Salvaterra para adaptala ao tráfico internacional cun investimento de case 340.000 €

Vázquez Mourelle subliña que estas obras, no treito final da rúa, contan cun prazo de execución de 6 meses, polo que se prevé que estean rematadas a comezos de 2024
 

Mellorarase esta vía, que parte da glorieta de enlace entre a PO-403 e PO-510, discorrendo paralela á primeira ata conectar coa ponte internacional, no treito que transcorre entre a rúa Rosalía de Castro e a rúa Fontoura
 

Executaranse obras para facilitar os xiros, especialmente, dos vehículos pesados que acceden á rúa Miño desde a glorieta de intersección coa rúa Rosalía de Castro
 

Tamén se actuará no pavimento cunha mellora de firme, unificando o deseño dos accesos aos garaxes, o ancho das beirarrúas e dispoñendo sumidoiros e iluminación
 

Salvaterra de Miño (Pontevedra), 17 de xaneiro de 2023

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, anunciou hoxe que a Xunta licitará na primavera a obra de reforma da rúa Miño de Salvaterra para adaptala ao tráfico internacional cun investimento de case 340.000 euros.

 

Vázquez Mourelle, nunha visita hoxe a Salvaterra de Miño, subliñou que esas obras, que se realizarán no treito final da rúa, comezarán a finais do verán para estar rematadas a principios de 2024, posto que teñen un prazo de execución de 6 meses.

 

Explicou que a reforma ten un dobre obxectivo: dispoñer de estradas e rúas máis seguras, accesibles e funcionais neste municipio e avanzar na ordenación da rede viaria autonómica, que ten a singularidade de canalizar a conexión con Portugal.

 

Para iso acondicionarse o treito final da vía de algo máis de 1,1 km que parte da glorieta de enlace entre as estradas autonómicas PO-403 e PO-510, discorrendo paralela á primeira delas polo oeste ata conectar coa ponte internacional. Actuarase, concretamente, no treito que vai da rúa Rosalía de Castro ata a rúa Fontoura.

 

A conselleira detallou que se acometerán as obras precisas para facilitar os xiros, especialmente, dos vehículos pesados que acceden á rúa Miño desde a glorieta de intersección coa rúa Rosalía de Castro, así como para adecuala ao tránsito internacional que soporta con maiores garantías de seguridade para condutores e veciños.

 

Sinalou que se ampliarán as dimensións da calzada, reordenando os elementos que a compoñen pero sen modificar o trazado nin a superficie, e mellorándoa.

 

Tamén se actuará no pavimento cunha mellora de firme cunha nova capa de rodaxe, unificando o deseño dos accesos aos garaxes, o ancho das beirarrúas e dotando sumidoiros e iluminación.

 

A actuación é complementaria á reforma da ponte internacional, obxecto dunha rehabilitación estrutural, a través da colaboración entre os gobernos de Galicia e Portugal, que supuxo un investimento de máis de 600.000 €; unha actuación que se prevé teña continuidade no futuro coa ampliación da sección peonil e a dotación de ciclovía.

 

A conselleira tamén aproveitou a visita para felicitar ao Concello de Salvaterra pola culminación da urbanización da rúa Galicia,  uns traballos executados cunha achega da Xunta de 500.000 €.

 

Ademais destacou o inicio estes días das obras da senda peonil e ciclista na PO-402 entre Oleiros e Leirado, á que o Goberno galego destina un orzamento de 1,5 M€.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/01/2023