A Oficina Integral de Asesoramento e Seguimento ao Retorno en Vigo acompañou a máis de 2.000 familias chegadas á provincia de Pontevedra

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, recordou que Galicia conta con cinco oficinas situadas en Santiago de Compostela, A Coruña, Lugo, Ourense e Vigo

A nivel galego, a cifra chega ata os 11.800 retornados atendidos e a case 50.000 consultas respondidas, tanto persoais como telefónicas e telemáticas

Santiago de Compostela, 18 de xaneiro de 2023 O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, e a delegada da Xunta en Vigo, Marta Fernández Tapias, visitaron esta mañá a Oficina Integral de Asesoramento e Seguimento ao Retorno situada na Delegación da Xunta en Vigo, onde xa foron atendidas, dende a apertura deste servizo, en 2020, un total de 2.070 familias galegas retornadas.

Miranda destacou a labor destas Oficinas Integrais de Asesoramento e Seguimento ao Retorno no acompañamento e axuda aos galegos do exterior que decidiron retornar a Galicia e comezar unha nova vida.  

Estas oficinas están cofinanciadas polo Fondo Social Europeo e contan con persoal técnico, xurídico e social especializado que se encarga de informar e asesorar aos galegos do exterior cara a favorecer o retorno, así como de acompañar aos galegos retornados e aos seus familiares. Entre as súas labores atópase atender as dúbidas en relación as diferentes tramitacións burocráticas que se deben realizar ao regresar a Galicia, así como dar traslado tamén dos programas e axudas cos que poden contar nesta volta á comunidade autónoma. Tamén comunican os temas relacionados con educación, formación, laboral e social, e mesmo, no caso dos familiares con outra nacionalidade, tamén asesoran no eido da estranxeiría, ofrecendo apoio continuo, tanto presencial coma telemático.

Dende o comezo do seu funcionamento, como parte da Estratexia Galicia Retorna, as cinco oficinas integrais das catro provincias asesoraron a un total de 11.796 familias interesadas en coñecer as liñas de apoio coas que a Xunta de Galicia conta para axudarlles a consolidar o seu regreso, así como os canais existentes para homologar estudos, facilitar a tramitación da documentación persoal e a presentación de solicitudes de subvencións e prestacións.

Así, en total, realizáronse ata o momento, dende a posta en marcha da oficina en 2020, 49.831 consultas, relacionadas con temas educativos (escolarización de menores, formación regrada, formación para o emprego, homologación de estudos...); sociais como asistencia sanitaria, autorizacións de residencia, axudas económicas, prestacións ou vivenda; ou laborais como información acerca do emprego por conta allea ou axudas ao autoemprego. 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/01/2023