A Xunta destaca o esforzo que está a realizar na tramitación de proxectos eólicos para cumprir os prazos impostos polo Goberno central

Rueda resalta que garantir a “sostibilidade e a preservación do medio” é fundamental á hora de poñer en marcha novos parques polo que Galicia seguirá exixindo unha Declaración de Impacto Ambiental favorable a estes proxectos

Lembra que Galicia “é un referente” en enerxías renovables xa que o 75% da enerxía que se xera na comunidade ten a súa orixe nestas fontes

Defende un desenvolvemento eólico planificado e ordenado en equilibrio coa protección do ambiente e que achegue seguridade xurídica aos promotores á vez que dá prioridade ás iniciativas vinculadas á industria galega

O vicepresidente primeiro resalta que Galicia “pretende liderar o proceso de descarbonización da economía”

Ante o efecto chamada provocado polo decreto lei do Goberno en xuño de 2020, contratáronse 120 persoas na Administración galega e axilizouse a tramitación para cumprir os fitos marcados en canto á emisión de declaracións de impacto ambiental (DIA), autorizacións administrativas e de construción


O fito máis inmediato é a emisión da DIA o vindeiro 25 de xaneiro para 140 parques eólicos, dos que se prevé que a obteñan -xa sexa favorable ou non- a maioría

Solicita dilixencia na tramitación ao Goberno, que xa conta cos informes precisos para os 13 parques eólicos aos que se declarou a excepcionalidade para consolidar proxectos industriais como os de Resonac (Showa Denko), Alcoa ou Sentury que suman 1137,4 MW


 

Santiago de Compostela, 19 de xaneiro de 2023.-

O presidente de Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe o esforzo que está a realizar a Xunta na tramitación de proxectos eólicos para cumprir cos prazos impostos polo Goberno central. “Galicia é un referente en enerxías renovables. O 75% da enerxía que se xera na comunidade ten orixe en fontes renovables e queremos seguir por este camiño”, indicou Rueda, quen resaltou que garantir “a sostibilidade e a preservación do medio ambiente” son fundamentais á hora de poñer en marcha calquera proxecto deste tipo e, por iso, “en Galicia seguirá sendo obrigatorio contar cunha Declaración de Impacto Ambiental (DIA) favorable” para a posta en funcionamento dun novo parque eólico.

 

Rueda lamentou os prazos fixados “de forma unilateral” polo Goberno central que provocaron un aumento dos proxectos que solicitan a DIA correspondente, o que levou á Xunta a incrementar en 120 o número de traballadores para poder tramitar estas iniciativas en tempo. O presidente quixo agradecer o “esforzo realizado polos funcionarios” neste eido que están a realizar un “traballo potente e riguroso”.

 

Tal e como explicou o presidente, o Consello da Xunta de Galicia avaliou na súa reunión desta mañá a situación actual do sector eólico galego. Unha industria clave na transición enerxética e para a que o Goberno galego está activando todos os instrumentos ao seu alcance co obxectivo de lograr un desenvolvemento planificado e ordenado. Búscase que vaia en equilibrio coa protección do ambiente, achegando seguridade xurídica aos promotores, á vez que se dá prioridade aos proxectos eólicos vinculados á industria para que poidan acceder a un prezo eléctrico máis competitivo.

 

“Galicia está respondendo e activando todos os instrumentos que están ao noso alcance como administración para acompañar as necesidades do tecido industrial, ofrecer a máxima axilidade e sempre de forma planificada”, sinalou o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, quen asegurou que “Galicia aposta polas renovables e pretende liderar o proceso de descarbonización da economía”.

 

Segundo trasladaron Rueda e Conde, o modelo galego contrasta coas decisións que nesta materia está adoptando o Goberno central que, coas súas actuacións, está poñendo trabas ás administracións autonómicas e creando inseguridade xurídica e incertezas. Neste sentido, lembraron que Galicia está a facer un grande esforzo para facer fronte ao efecto chamada provocado polo decreto lei aprobado polo Goberno en xuño de 2020 que regula a caducidade dos permisos de acceso e conexión dos parques eólicos. Esta normativa impoñía prazos moi axustados para obter as declaracións de impacto ambiental (DIA), así como as autorizacións administrativa e de construción, polo que o Goberno central se viu obrigado a modificala para aumentar os prazos en nove meses máis.

 

O fito máis inmediato será a obtención da DIA -favorable ou non- para 140 proxectos de parques eólicos en Galicia. Logo da contratación de 120 persoas e a aplicación de diferentes medidas para dar unha maior axilidadade ao proceso, a Xunta de Galicia conta con que a maioría dos parques poidan obter a DIA -xa a obtiveron 92 proxectos (66 favorable e 26 desfavorable)-. Neste sentido, ademais dos prazos limitados, a tramitación atopouse con outras trabas como os atrasos á hora de contestar os requirimentos, ademais da falta ou dos erros na documentación presentada que impedirán que todos os parques poidan cumprir con este fito.

 

Aínda así, a Xunta de Galicia, a través da Lei de acompañamento, xa estableceu que, naqueles casos onde non se poida cumprir con este fito administrativo, se continuará coa tramitación daqueles parques que perdan o permiso de acceso e conexión, aínda que non poderá autorizar o proxecto mentres tanto non obteñan estes permisos. Ademais, debido á imposibilidade material do cumprimento dos prazos, apreciarase a existencia de causas non imputables ao promotor para non executar as garantías económicas. O seguinte paso será a obtención da autorización administrativa previa e de construción para os parques que conten coa DIA favorable.

 

Ante este esforzo realizado desde o Goberno galego -que desde 2020 aprobou máis DIA que desde 2013 ao 2019; e que en 2022 duplicou os informes emitidos polos organismos dependentes ao pasar dos 1.070 en 2021 aos 2.227 de 2022-, solicítase ao Executivo central o mesmo grao de compromiso. Neste sentido, os proxectos de máis de 50 MW dependen do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico. Deles declarouse a excepcionalidade para 13 proxectos polo seu impacto social e económico, ao estaren vinculados a Alcoa, Sentury e Resonac (Showa Denko). Galicia xa emitiu os informes necesarios, polo que o Goberno non ten impedimento para que estes parques cumpran coa súa tramitación administrativa.

 

Desde a Administración galega tamén se realizaron as modificacións lexislativas precisas para declarar este tipo de proxectos como iniciativas empresariais prioritarias, para o cal se exixiu, entre outras cuestións, a subscrición dun acordo directo de compravenda de enerxía a longo prazo (PPA) cunha empresa con actividade industrial en Galicia que garanta como mínimo o 50 % da súa produción enerxética. 

 

En definitiva, Galicia está cumprindo e pide máis reciprocidade por parte do Goberno, co obxectivo de poder seguir desenvolvendo o binomio industria-sustentabilidade.

 
 
 
 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/01/2023