O alumnado da 14ª promoción de Policía Local remata a súa formación na AGASP cun tramo do Camiño Portugués

Os 117 alumnos desta promoción tomarán posesión nos seus concellos de destino o 14 de febreiro

Os aspirantes que superaron o proceso selectivo para optar a 85 vacantes da categoría de policía convocadas por 24 concellos elixiron onte a súa praza e comezarán en febreiro a súa formación na Academia dentro da 15ª promoción de Policía Local

Santiago de Compostela, 21 de xaneiro de 2023 Os alumnos da 14ª promoción da Policía Local remataron esta semana a súa formación na Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP) cun tramo do Camiño Portugués que iniciaron o luns no Porriño e remataron o xoves na praza do Obradoiro.

Estes peregrinos e os seus 46 docentes tiveron a oportunidade de descubrir todos os valores que rodean o Camiño de Santiago, como fixeron os máis de 438.600 peregrinos que selaron a súa Compostela o ano pasado no segundo exercicio do Xacobeo 21-22. Así, nestes días o alumnado compartiu unhas xornadas de convivencia con compañeiros e profesorado.

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, recibiunos na súa terceira etapa en Padrón, onde destacou a vocación de servizo público que demostra cada unha das persoas que orientan o seu destino profesional cara aos corpos e forzas de seguridade e en especial cara á Policía Local. Nesta liña, incidiu en que a proximidade coa veciñanza que distingue este corpo, convérteo nun elemento clave na prevención e protección da cidadanía e da súa contorna máis inmediata.

O alumnado remata con esta peregrinación a súa formación teórica na Academia antes de volver aos seus 34 concellos de orixe para tomar posesión como funcionarios de carreira o próximo 14 de febreiro.

A Xunta e os concellos galegos a través da FEGAMP asinaron en 2017 un convenio mediante o que 89 concellos dos 127 que contan con corpo de Policía Local e dos 11 con vixilantes municipais  xa delegaron ata agora no Goberno galego a selección e a formación do seu cadro de persoal de Policía Local polas quendas de oposición libre e nas de promoción interna e mobilidade.

Así, na Academia formaranse este ano os integrantes da 15ª promoción de Policía Local, da que, entre outros, formarán parte, as persoas que superaron o proceso selectivo unitario convocado pola Xunta e que xa na xornada de onte elixiron praza entre as  85 da categoría de policía convocadas por 24 concellos. Tamén coincidirán nos próximos meses as novas promocións de oficiais e inspectores.

A AGASP é o centro de referencia na formación das forzas e corpos de seguridade en Galicia, xa que ademais de preparar ás novas promocións de Policía Local ofrece cursos con contidos actualizados e adaptados á realidade do seu traballo diario. Así, só ao longo do pasado ano, formáronse na academia 4.420 axentes de Policía Local, Policía Autonómica, Policía Nacional e Garda Civil que traballan en Galicia nos 191 cursos organizados para reforzar a preparación de cara ás súas intervencións.

En total, desde 1993 formáronse na AGASP 168.520 persoas, das que case 3.000 corresponden coas 14 promocións de Policía Local e as distintas promocións de categorías de mandos.

As máis de 165.300 persoas restantes coinciden cos participantes nos centos de cursos organizados no marco dos plan de formación continua anuais da AGASP para actualizar os coñecementos de efectivos de forzas e corpos de seguridade -Policía Local, Policía Nacional, Policía Autonómica e Garda Civil, que traballan en Galicia- e dos servizos de emerxencias que velan pola seguridade dos galegos e galegas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/01/2023