A Xunta estrea perfil en TikTok e convértese no primeiro Goberno autonómico de España en contar cunha canle nesta rede social

O principal obxectivo desta nova conta, dispoñible en https://www.tiktok.com/@xuntadegalicia, pasa por facer chegar información de interese á xuventude dun xeito máis informal, dinámico, e favorecer o alcance e visibilidade das iniciativas postas en marcha polo Goberno galego

Entre os contidos que estarán dispoñibles inclúense publicacións de temática cultural, económica, medioambiental ou científica, así como vídeos de concienciación sobre cuestións como a violencia de xénero ou o fomento do uso da lingua galega

Santiago de Compostela, 20 de xaneiro de 2023 A Xunta de Galicia acaba de converterse no primeiro Goberno autonómico de España en contar cun perfil institucional en TikTok. A Administración galega estrea hoxe conta na rede social, dispoñible en https://www.tiktok.com/@xuntadegalicia, co obxectivo de crear e divulgar información de interese para a mocidade galega.

Deste xeito, e aproveitando a bagaxe do amplo seguimento nas páxinas oficiais de Twitter e Facebook —cuxas contas suman máis de 320 mil seguidores—, o Executivo autonómico aposta por seguir reforzando a súa comunicación dixital e por aumentar a difusión das iniciativas postas en marcha en Galicia nunha das redes sociais máis empregadas na actualidade pola xuventude.

Entre os principais obxectivos do proxecto está o de renovar o xeito de facer chegar información relevante á mocidade e á poboación en xeral, comunicándoa de maneira dinámica e informal. Ao mesmo tempo, búscase favorecer o alcance e visibilidade de medidas de interese para un sector da poboación que está a empregar habitualmente este medio para permanecer informado.

Os contidos que estarán dispoñibles a partir de hoxe inclúen publicacións de temáticas como a cultural ou a gastronómica, pero tamén a científica, a medioambiental ou a económica, entre moitas outras.

A páxina de TikTok chega para funcionar como un espazo de contidos especializados, especificamente traballados e de interese para o público da plataforma. Así, empregarase unha linguaxe máis próxima, afastada de termos técnicos e co estilo de comunicar propio desta plataforma, como se pode apreciar na primeira publicación do perfil.

Recomendacións culturais, novas convocatorias de axudas para a xente moza, receitas con produtos de proximidade ou vídeos de concienciación sobre violencia de xénero ou o fomento do uso da lingua galega, por exemplo, serán algúns dos contidos que estarán dispoñibles nas vindeiras semanas nesta nova plataforma.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/01/2023