A Xunta inicia esta semana novos traballos de roza e limpeza nas marxes de dúas estradas autonómicas nas comarcas da Mariña e de Vigo

As novas tarefas desenvolveranse, concretamente, nas estradas LU-152, entre Foz e Ferreira de Valadouro; e na PO-331, no Porriño


Continuarán os traballos xa comezados na vía de altas prestacións VG-1.3 no seu percorrido polos municipios de Oleiros, Cambre e Sada


Proseguirán as obras na estrada LU-751, en Meira e Ribeira de Piquín; na OU-403, entre Ribadavia e Ponte Castrelo; ou na A-51, en Salvaterra de Miño


A Xunta, desde o ano 2018, investiu 8,3 M€ nas actuacións de control da biomasa nas marxes das estradas autonómicas, a través da encomenda á empresa pública Seaga
 

Santiago de Compostela, 22 de xaneiro de 2023

A Xunta iniciará esta semana novos traballos de roza e limpeza nas marxes de dúas estradas autonómicas ao paso polas comarcas da Mariña e de Vigo.

Estas tarefas desenvolveranse, concretamente, nas estradas LU-152, entre Foz e Ferreira de Valadouro; e na estrada PO-331, no Porriño.

Tamén continuará as actuacións xa iniciadas en pasadas semanas na vía de altas prestacións VG-1.3 no seu percorrido polos municipios coruñeses de Oleiros, Cambre e Sada.

Ademais, proseguirán os traballos na estrada LU-751, en Meira e Ribeira de Piquín; na OU-320, en Sandiás e en Allariz; ou na OU-403, entre Ribadavia e Ponte Castrelo.

Na provincia de Pontevedra, seguirán as tarefas de limpeza nas marxes da A-51, en Salvaterra de Miño; ou na vía de altas prestacións VG-4.5, en Moaña e Cangas.

Control de biomasa

O Goberno galego acomete estas actuacións no marco do contrato coa empresa pública Seaga, por importe de máis de 2,2 millóns de euros, para o control da biomasa das marxes das estradas de titularidade autonómica para previr lumes e reforzar a seguridade viaria.

Estas novas accións de conservación nas vías de titularidade da Xunta permitirán, nesta nova encomenda, a roza mecánica de máis de 2.600 quilómetros lineais e actuar nunha superficie de máis de 188.500 metros cadrados de xeito manual.

Como novidade nesta nova encomenda, prevese a reposición de 7.500 metros de valado en vías de alta capacidade que se poida danar nos labores de despexe ou roza. A reposición realizarase con valado reforzado para aumentar a protección da estrada fronte á entrada de animais.

Con esta nova encomenda, desde o ano 2018 lévanse investidos 8,3 M€ nas actuacións de control da biomasa nas marxes das estradas autonómicas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/01/2023