Martina Aneiros anima á práctica deportiva nas categorías de base na IV Xornada do circuito ferrolá de campo a través do programa Xogade

Ferrol, 22 de xaneiro de 2023
Compartir
  • whatsapp

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, achegouse esta mañá ás pistas de atletismo da Malata onde participou na entrega de premios Da IV Xornada do circuíto ferrolá de campo a través. A proba desenvólvese ao abeiro do programa Xogade (Xogos Deportivos Galegos en Idade Escolar) para o curso 2022/2023 que promove a Secretaría Xeral para o Deporte.

A representante da Xunta felicitou aos máis de medio millar de rapaces participantes (dos clubes Atletismo Ferrol, Ría de Ferrol, Olimpo, Natación Cedeira e Naútico Narón; dos CEIP Juan de Lángara e Ponzos, e dos CPR Tirso de Molina, Mercedarias e Jorge Juan de Xuvia) e destacou a importancia da práctica deportiva nas categorías de base de cara a afianzar hábitos de vida saudables.

O programa Xogade agrupa toda a oferta deportiva e lúdica promovida pola Administración galega (escolar e federada) co obxectivo de levar a actividade a todos os concellos e brindarlle á rapazada a posibilidade de practicar e competir cos clubs e centros educativos de toda a comunidade galega. A de campo a través é unha das 15 modalidades convocadas dentro da actividade deportiva escolar de Xogade este curso xunto ás de atletismo en pista, bádminton, baloncesto, balonmán, dúatlon, fútbol sala, multixogo 6-8, natación, orientación, patinaxe artística, tenis de mesa, voleibol, xadrez e xogando co atletismo.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 22/01/2023