A Xunta inicia as obras de construción dunha senda e de mellora da seguridade na estrada PO-308 entre Fontenla e Combarro, no concello de Poio, cun investimento de case 1,7 M€

Os traballos comézanse pola execución do muro de contención que amplía a plataforma da estrada na zona do miradoiro do punto quilométrico 4+600 da P0-308

A actuación consiste na construción dunha senda no treito entre Fontenla e Combarro, ademais de intervencións para eliminar un treito de concentración de accidentes

Habilitarase un itinerario de uso mixto, peonil e para ciclistas non deportivos, de algo máis de 1,6 km de lonxitude, que discorrerá, na maior parte, pola marxe esquerda da vía

A intervención inclúe a mellora das interseccións, entre elas a de acceso ao IES de Poio, con obras para permitir que os xiros sexan menos bruscos e máis seguros

Santiago de Compostela, 23 de xaneiro de 2023 A Xunta comezou hoxe as obras de construción dunha senda e de mellora da seguridade viaria na estrada autonómica PO-308, no treito entre Fontenla e Combarro, no concello e Poio, que suporán un investimento de preto de 1,7 M€.

 

Os traballos, cun prazo de execución de 18 meses, estanse a iniciar pola execución do muro de contención que amplía a plataforma da estrada na zona do miradoiro do punto quilométrico 4+600 da PO-308.

 

A actuación na PO-308 consiste na construción dunha nova senda no treito entre Fontenla e Combarro, ademais de intervencións para eliminar un treito de concentración de accidentes existente na zona de Fontenla.

 

Trátase dunha intervención que redundará na mellora da seguridade viaria e favorecerá que os veciños poidan facer os seus desprazamentos a pé de xeito máis cómodo e seguro por esta vía autonómica que soporta un tráfico elevado, especialmente no verán, unha media de 12.000 vehículos/día.

 

Habilitarase un itinerario de uso mixto, peonil e para ciclistas non deportivos, de algo máis de 1,6 km de lonxitude. O itinerario discorrerá, na maior parte, pola marxe esquerda da vía, aínda que tamén se executará un pequeno treito pola marxe dereita, entre a glorieta existente e o acceso ao IES de Poio.

 

A senda, que irá paralela á PO-308, terá un ancho mínimo de 2,2 metros, estará separada da estrada por un bordo de formigón e irá sobreelevada uns 10 centímetros, para garantir maior seguridade. Para salvar o rego da Cancela, executarase unha pequena pasarela en voadizo e habilitarase un novo itinerario na vía municipal de baixada á Seca.

 

Tamén se instalará mobiliario urbano: bancos de madeira, papeleiras e unha fonte. Ademais, disporanse novas marquesiñas nas paradas de autobús e colocarase varanda de protección na pasarela sobre o rego da Cancela, así como un valo de madeira na senda que conecta co parque da Seca e na zona do miradoiro.

 

A intervención inclúe a mellora das interseccións dese treito, entre elas a de acceso ao IES de Poio, con intervencións para ampliar o abanico de xiro, e que os xiros sexan menos bruscos e máis seguros. Tamén se reducirán os xiros á esquerda, dispoñendo cuñas de aceleración e desaceleración para facilitar as incorporacións á estrada; e habilitaranse 2 glorietas, unha delas de acceso á zona da Seca. Estas medidas, xunto coa redución de velocidade, contribuirán ao calmado do tráfico neste treito.

 

Trátase dunha actuación complexa e completa co fin de complementar a mellora da mobilidade activa, fundamentalmente peonil, e a mellora da seguridade viaria para todos os usuarios da estrada.

 

Esta intervención, ademais das achegas trasladadas no período de información pública, conta coa experiencia da obra xa executada pola Xunta nesta mesma estrada, entre O Covelo e Raxó.

 
A Xunta está a mobilizar case 20 M€ nun amplo conxunto de actuacións, xa en servizo ou en proxecto, para que esta estrada PO-308 sexa máis segura e funcional, converténdoa en referencia de seguridade viaria nas vías de titularidade autonómica.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/01/2023