A Xunta amosa as súas principais liñas de traballo en materia forestal a representantes do Goberno de Castela e León de visita en Galicia

Os representantes do Executivo castelán-leonés mantiveron diferentes encontros cos directores xerais de Planificación e Ordenación Forestal e de Defensa do Monte, así como co director da Axencia Galega da Industria Forestal
 

O Inventario Forestal Continuo de Galicia, a dixitalización ou a simplificación dos trámites administrativos centraron a xornada de traballo
 

Os integrantes da delegación tamén coñeceron o Centro de Coordinación Central para a loita contra o lume e recibiron explicacións sobre a organización e funcionamento do operativo galego antiincendios
 

Santiago de Compostela, 24 de xaneiro de 2023

A delegación do Goberno de Castela e León que se atopa de visita en Galicia, encabezada polo director general de Patrimonio Natural y Política Forestal, José Ángel Arranz, coñeceu hoxe as principais liñas de traballo da Xunta en materia forestal. Así, os representantes do Executivo castelán-leonés mantiveron diferentes encontros de traballo cos directores xerais de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, e de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, así como co director da Axencia Galega da Industria Forestal, Jacobo Aboal.

No caso desta Axencia, o seu responsable explicoulles a súa organización e funcionamento, destacando o seu traballo a prol da cadea forestal-madeira, que se plasma na xestión de diferentes liñas de axuda e na implementación de distintas políticas de apoio ao sector, entre as que salientan as orientadas a fomentar a construción con madeira ou a dixitalización.
 
Neste contexto, avaliáronse os avances rexistrados no Inventario Forestal Continuo de Galicia, que ten como principal obxectivo o de coñecer -de maneira precisa e actualizada- non só a cantidade de madeira rexistrada nos montes galegos senón tamén a súa calidade, algo esencial para a planificación e a toma de decisións. Este Inventario está sendo coordinado polo profesor Juan Picos, da Escola de Enxeñaría Forestal da Universidade de Vigo.
 

Axenda da industria forestal-madeira

Todo este labor, tal como trasladou Jacobo Aboal, enmárcase na Axenda de impulso da industria forestal-madeira, que contempla un orzamento de 55,5 millóns de euros e que prevé mobilizar preto de 140 millóns de euros no reforzo da competitividade e da modernización dun sector clave no ámbito rural de Galicia.

O director engadiu que esta Axenda é unha folla de ruta deseñada conxuntamente cos principais axentes para potenciar o sector e impulsar a bioeconomía como motor de competitividade, favorecendo unha sociedade saudable, neutra en carbono, baseada no emprego verde e no consumo de produtos locais.
 
Pola súa banda, o director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, trasladou á delegación castelá-leonesa información sobre o proceso de dixitalización da administración forestal galega e as súas iniciativas a prol da simplificación dos trámites en eidos como a xestión dos aproveitamentos do monte, tramitación de axudas e a posta en marcha do Observatorio Forestal na web da Consellería do Medio Rural.
 
En materia de loita contra os incendios forestais, o director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, guiou á delegación castelá-leonesa nunha visita ao Centro de Coordinación Central, situado en San Lázaro. Alí, explicou a organización e funcionamento do operativo da Xunta, con especial referencia ao sistema de vixilancia forestal mediante cámaras situadas nos montes, así como os labores de prevención, particularmente en áreas periurbanas, ao abeiro do convenio pioneiro asinado pola Xunta coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e a empresa pública Seaga para a protección das aldeas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/01/2023