A Xunta concede axudas por importe de 300.000 € a 22 concellos para auditar as súas redes de saneamento co fin de erradicar filtracións e vertidos e preservar a calidade da auga

Trátase da primeira liña de incentivos dirixida ás entidades locais de ata 50.000 habitantes polas que se subvenciona o 80% do investimento, cun límite máximo de 15.000 €

Trátase de contribuír a que os concellos poidan identificar os problemas das súas redes de saneamento, as principais entradas de augas brancas que teñen nos seus sistemas de depuración ou os puntos de alivio

As entidades locais dispoñen dun modelo de auditoría e protocolo de inspeccións das redes de saneamento, así como recomendacións para a súa realización

Estímase que, de media, entre o 40 e o 50% do caudal que circula polas redes de saneamento procede de infiltracións, chegando a superar en ocasións o 90%

A Xunta mantén o seu apoio aos concellos para mellorar a prestación dos servizos da auga, de competencia municipal, reforzado coa Lei de mellora da xestión do ciclo integral da auga

Compartir
  • whatsapp

Santiago de Compostela, 24 de xaneiro de 2023 A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, vén de resolver a concesión das axudas a 22 concellos, para a realización de auditorías nos seus sistemas de saneamento co fin de erradicar as infiltracións de augas brancas e vertidos e preservar así a calidade das augas, cun investimento de 300.000 euros.

 

Estes incentivos correspóndense coa primeira convocatoria desta liña de axudas da Xunta, lanzada en setembro do pasado ano, co obxectivo de que os municipios conten con ese instrumento básico para a detección e corrección destes problemas, e acadar un funcionamento máis eficiente das redes municipais.

 

Estas axudas están dirixidas aos concellos de ata 50.000 habitantes e subvencionan o 80% dos investimentos, cun límite de 15.000 €,  que foron realizados desde o 1 de xaneiro de 2022 destinados á elaboración de auditorías municipais das redes de saneamento para a detección de infiltracións.

 

Con esta liña de axudas a Xunta pretende contribuír a que as entidades locais poidan identificar os problemas das súas redes de saneamento, as principais entradas de augas brancas que teñen nos seus sistemas de depuración ou os puntos de alivio.

 

Deste xeito, para facilitar o traballo aos municipios, a entidade hidráulica da Xunta pon tamén á disposición dos concellos un modelo de auditoría e protocolo de inspeccións das redes de saneamento, así como recomendacións para a súa realización. As auditorías deberán recoller un mínimo de información: descrición detallada do sistema de saneamento, planos e documentación gráfica e inspección dos puntos de control.

 

Con esta liña de axudas, a Xunta incide no carácter esencial das auditorías, que permiten detectar as eivas das redes de saneamento e programar actuacións que leven á súa emenda.

 

A Xunta calcula que a porcentaxe media de infiltracións nas redes de saneamento se atopa no entorno do 40-50% do caudal circulante, podendo incluso, nalgúns casos, chegar ata o 90-95%.

 

Deste xeito, ter en perfectas condicións as redes municipais de saneamento é esencial para garantir a calidade da auga dos ríos e acuíferos, e con esta liña de incentivos a Xunta quere, unha vez máis, axudar aos concellos neste cometido.

 
A Xunta segue axudando aos concellos na mellor prestación dos servizos da auga, unha competencia municipal, segundo establece a Lei de bases de réxime local. Este apoio vese reforzado grazas á Lei de mellora da xestión do ciclo integral da auga que entrou en vigor en setembro do pasado ano

 

Data de actualización: 24/01/2023