A Xunta difunde no salón náutico Boot Düsseldorf a campaña ‘Amárrate a Galicia’ para impulsar o sistema portuario como acceso do turismo á comunidade

Portos de Galicia e a Axencia de Turismo participaron esta semana cun expositor na feira da cidade alemá, referente europeo do sector náutico-recreativo

 

Santiago de Compostela, 28 de xaneiro de 2023

A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, promocionou esta semana no salón náutico Boot Düsseldorf a campaña Amárrate a Galicia para impulsar o sistema portuario galego como acceso do turismo ao territorio da comunidade. Con esta finalidade, a presidenta do ente público, Susana Lenguas, visitou a feira, referente do sector náutico-recreativo en toda Europa e na que Portos e Turismo de Galicia participaron cun expositor.  

A representante do ente portuario autonómico asistiu a este evento en representación do sector náutico coa finalidade de establecer contactos comerciais que supoñan a maior difusión posible para os portos deportivos da comunidade e promocionen os seus servizos para atraer navegantes que dinamicen o turismo non só nas vilas portuarias senón tamén na súa contorna.

Na feira, que se celebrou na cidade alemá desde o pasado día 21 ata hoxe, promocionouse a Guía Náutica de Galicia, unha ferramenta online que recolle toda a información dos peiraos deportivos galegos -estatais e autonómicos- de cara a atraer navegantes que recalen nestas instalacións.

No marco da campaña Amárrate a Galicia, Portos de Galicia incorporou nesta guía
-dispoñible na web
www.guianautica.gal- un apartado denominado A unha hora do barco no que se enlazan algúns dos principais referentes turísticos na contorna dos portos con información práctica para a súa visita.

Interaccións coas candorcas

Portos de Galicia tamén promocionou no salón alemán a aplicación Orcinus, promovida polo ente público galego para o rexistro e información en tempo real da presenza de candorcas para que os navegantes poidan deseñar as súas travesías evitando a interacción con estes grandes cetáceos. A presidenta de Portos de Galicia constatou a boa acollida que esta ferramenta está a ter entre a comunidade náutica internacional que en só dúas semanas de funcionamento xerou 700 altas de usuarios de diferentes países.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 28/01/2023